Adeus á liña de alta tensión que atravesa Caldas polo aire
Por Redacción
Unión Fenosa Distribución, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investirá 1,3 millóns de euros no proxecto de soterramento da liña de alta tensión que discorre polo centro urbano de Caldas de Reis.
As obras, que se iniciarán nas próximas semanas, permitirán desmontar oito torres de alta tensión e 1.300 metros da liña aérea Padrón-Tibo, segundo informou a compañía.
O proxecto supón a eliminación do tramo aéreo que vai desde a rúa Juan Fuentes, onde se realizará a conversión a subterráneo, ata a contorna da Lavandeira, en Bemil.
Ademais, executarase unha canalización subterránea de aproximadamente 1.600 metros, pola que discorrerá a liña unha vez finalizados os traballos.
O delegado de Unión Fenosa Distribución en Pontevedra, Francisco Ramos, sinalou que este proxecto supón a eliminación do impacto visual das instalacións eléctricas no centro de Caldas de Reis e permitirá que os veciños "recuperen a servidume das súas propiedades”.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou que o soterramento desta liña de alta tensión "beneficiará a todos os veciños", ao incluír outras contraprestacións.
Así, o Concello e a empresa asinaron un convenio de cesión de uso de dúas parcelas na rúa Juan Fuentes, propiedade da distribuidora eléctrica, duns 2.000 metros cadrados, que se empregarán para uso de aparcamento de vehículos lixeiros e turismos.
A cesión gratuíta das parcelas será por un período de dez anos ampliables a outros cinco.
Relacionadas:
-
Fenosa inicia o desmantelamento das torres de alta tensión no centro urbano de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Fenosa soterrará a liña de alta tensión entre Mourente e Lusquiños
Por Alejandro Espiño |
-
Fenosa destina 168.000 euros á construción dun novo transformador e unha liña subterránea en Vilaboa
Por Redacción |