Louro: "Se Mosquera non quere facer a planificación do Concello que ma deixe que a fago eu"
Por Oskar Viéitez
O voceiro do PSOE no Concello de Pontevedra e socio de goberno do BNG, Antón Louro, recoñeceu este xoves que o grupo socialista comparte "en boa parte" o modelo de cidade pero "botamos en falta moitas cousas".
Louro centrou estas discrepancias entre o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera e el mesmo como responsable de Urbanismo, "o señor Mosquera e máis eu temos diferencias de criterio importantes entorno a moitos temas, eu creo que teño unha posición sensata que se aproxima aos problemas co ánimo de resolvelos, e non co ánimo de crealos", dixo.
Entre esas cousas que bota en falta Louro enumerou o desenvolvemento urbanístico da cidade, a necesidade de elaborar un novo plan de urbanismo, "todo iso falta na cidade de Pontevedra. O señor Mosquera é o concelleiro de Planificación e polo tanto correspóndelle a el e si el non o quere facer que mo deixe que a fago eu", afirmou.
Non obstante apunta que estas desavinzas non poñen en perigo o pacto de goberno "e obvio que o BNG e o PSOE son dous proxectos políticos distintos que en Pontevedra teñen que colaborar para sacar adiante a cidade, e o estamos facendo con total e absoluta lealdade" e engade Antón Louro que "ás veces encontrámonos con que hai decisións que nos sorprenden e polo tanto temos que manifestar o noso desacordo".