Pontevedra en marcha contra o cancro
Por Oskar Viéitez
Ao redor de 1.700 persoas participaron este domingo 2 de outubro, da IV edición da carreira "Pontevedra en marcha contra o cancro", que organiza a Asociación Española Contra o Cancro.
A proba percorreu o centro urbano e os seus arredores. Con saída ás 10.30 horas da mañá na Avenida de Montero Ríos, a IV marcha contou cun percorrido de 6.75 quilómetros, fácil para todas as persoas que quixeron participar, especialmente moitas familias que quixeron apoiar a causa solidaria, mesmo participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e os concelleiros Marcos Rey e Iván Puentes.
O prezo da inscrición foi de nove euros para adultos e cinco euros para os participantes de catro a doce anos e incluía avituallamiento e unha camiseta de agasallo que deu ese tan característica cor rosa a esta iniciativa.
Concluída a proba, entregáronse os premios á primeira muller e ao primeiro home en meta para recompensar o seu esforzo, ao participante máis novo e ao máis veterano. Jesús García co dorsal 1.069 foi o primeiro home en meta, mentres que o premio á primeira muller resultou compartido entre Ángeles Iglesias, co dorsal 934 e Carla Iglesias, co dorsal 1.662. A participante máis nova foi Amalia Bermúdez, unha bebé de 4 meses co dorsal 1.287 e o máis veterano, Jaime Aboy, de 89 anos, co dorsal 750. O grupo máis numeroso foi o formado polos pacientes do Servizo de Logopedia da Asociación Española Contra o Cancro encabezado por Ánxela Alonso, Logopeda da entidade.
Foi unha mañá na que tamén houbo tempo para a diversión dos máis pequenos grazas a unha xincana da Brigada Galicia VII (BRILAT). Aqueles que quixeron inmortalizar o momento puideron facelo na autocaravana de Polaroid Bus e os máis curiosos puideron gozar na carpa do equipo de Ciencia para todos da Asociación Española Contra o Cancro. Pechou esta mañá de solidariedade e deporte unha exhibición de baile a cargo da escola Plié Dance School.
Os ingresos obtidos neste marcha destinaranse á investigación oncolóxica e ao apoio a pacientes e a súa contorna.
Con esta proba, a Asociación Española Contra o Cancro busca concienciar á poboación da necesidade de eliminar as diferenzas ante esta enfermidade e que toda a sociedade teña as mesmas posibilidades para previr o cancro, vivir con el e acceder aos resultados da súa investigación, á que a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra contribúe con parte dos fondos recadados nas súas actividades, como os xerados nesta marcha.