Autobuses gratuítos desde O Grove para participar na marcha pola sanidade pública do día 14 en Vilagarcía
Por Redacción
O Grove contará cunha plataforma local para a defensa da sanidade pública. Así o acordaron representantes dos grupos políticos, xunto con representantes dos sindicatos e da plataforma “Concilia ou rebenta”, nunha xuntanza realizada no Concello o 25 de setembro.
Despois dunha primeira toma de contacto, este luns realizaron unha nova xuntanza para preparar e coordinar a asistencia á manifestación do vindeiro 14 de outubro en defensa da sanidade pública en Vilagarcía.
O Concello do Grove porá a disposición de todos aqueles veciños que queiran acudir a defender a sanidade pública a Vilagarcía de transporte gratuíto. As plazas para acudir no autobús poderán solicitarse de forma presencial nas Oficina de Información Xuvenil (OMIX), situadas no segundo andar do Concello, no teléfono 886 214 933 ou no correo omix@concellodogrove.es.
Segundo apuntan dende a plataforma, “O Grove ten uns problemas específicos que outros Concellos do Salnés non teñen, posto que levamos meses sen médicos de atención primaria, e case un ano sen pediatra”.
O alcalde, Jose Antonio Cacabelos, despois das reunións realizadas incidiu en que “a maior parte dos presentes nas reunións coincidimos en que o Concello do Grove debe ter unha voz propia, para poder reclamar en defensa da nosa veciñanza, unha boa cobertura da sanidade pública. Tanto dende a plataforma, como dende o propio Concello, facemos un chamamento a todos os veciños e veciñas para que acudan a inscribirse á OMIX. A concentración do vindeiro 14 de outubro ten que ser histórica”.