Habilitarán dúas pistas de petanca nunha leira do Concello de Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo contará con dúas pistas de petanca en Nantes. O Concello xa dispón dun proxecto que sacará proximamente a licitación que contempla dous terreos de xogo, unha senda de acceso e un aparcamento para aproximadamente dez vehículos.
O obxectivo é ampliar o abanico de oferta deportiva no municipio, un hábito de vida saudable e potenciar os xogos tradicionais como xa ocorre co campo de billarda, situado na contorna do colexio nun terreo dos comuneiros de montes cedido para a actividade.
O proxecto inclúe unhas actuacións previas á execución das pistas como a roza e limpeza de toda a parcela de actuación, así como podas manuais dalgunhas ramas de árbores existentes na leira, que entorpecen as pistas e o paseo de acceso.
En canto ás pistas, colocarase un bordo prefabricado tipo xardín (50x20x5) sobre formigón en masa sobre a que se realizará unha base de grava compactada, unha lámina xeotextil e unha capa de area morterenca. O paseo ou camiño de acceso será de saburra-cemento granítico de cor avermellada compactada e o aparcamento habilitarase con estacionamentos en batería sobre saburra-cemento de cor avermellada. Unha liña de lastras delimitará a decena de prazas.
O orzamento para esta actuación ascende a 10.385 euros, o prazo de execución das obras é dun mes e a garantía das obras deberá ser de 12 meses.