Adxudicado por 469.200 euros o equipamento para a futura área de esterilización no Hospital do Salnés
Por Redacción
A Consellería de Sanidade e o SERGAS (Servizo Galego de Saúde) adxudicou á empresa Antonio Matachana S.A. o equipamento para a futura área de Esterilización situada no Hospital do Salnés. O investimento ascende a 469.200 euros coa intención de duplicar a superficie actual que se destina a estes procesos médicos e á adaptación da capacidade do bloque cirúrxico do hospital arousán.
O investimento total por parte da Xunta, segundo sinalan, para esta nova área, con importes finais de adxudicación de obra construtiva e de equipamento, sitúase en 1,2 millóns de euros. O financiamento do equipamento finánciase a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-20 con fondos da Unión Europea con motivo da pandemia de covid-19.
As obras da nova área de Esterilización no Hospital do Salnés execútanse nun andar inferior e na vertical do bloque cirúrxico, con comunicación directa a través de dous ascensores. Renovarase o equipamento actual do servizo para incorporar novas estacións de lavados; selaxes e empaquetados; termodesinfectadoras; esterilizadoras de última xeración; sistemas de monitorización e de rastrexabilidade; cabinas de retorno, mobiliario; e carros manuais e eléctricos de transporte, entre outros elementos.
Para a posta en marcha desta unidade realizouse un estudo partindo da actividade actual do Hospital e a previsión de crecemento no medio e longo prazo. O SERGAS espera que estea operativo a principios de 2023 e permitirá procesar todo o instrumental e accesorios cirúrxicos con capacidade adicional para procesar o resto do material xerado en consultas, urxencias e áreas similares.
Relacionadas:
-
Sanidade investirá preto de 700.000 euros en equipar a futura área de esterilización do Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Cinco empresas presentan ofertas para duplicar a área de esterilización do Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Sanidade duplicará a Unidade de Esterilización do Hospital do Salnés
Por Redacción |