Aínda permanece aberto o prazo para inscribirse no curso 'Alimentación e actividade física' na Uned
Por Redacción
Entre o 20 de outubro e o 24 de novembro desenvolverase un curso no Centro Asociado da Uned de Pontevedra que leva por título 'Alimentación e Actividade Física'. Está dirixido ao público en xeral e poderase seguir de forma presencial, vía internet, en directo ou en diferido.
A proposta dirixida por Bernardo Ordás López, biólogo investigador do CSIC e profesor-titor da Uned en Pontevedra contará como relatora con David Torres Regueiro, licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e diplomado en Nutrición Humana e Dietética. Ofrécense coñecementos sobre alimentación aplicada ao exercicio e ao deporte.
Durante as sesións van tratarse, entre outros temas, os sistemas enerxéticos do organismo; os efectos da actividade física no corpo; principios dietéticos segundo as rutinas físicas; prevención de malos hábitos ou análises de mitos asociados á alimentación no deporte.
O custo de matrícula para o curso de 12 horas lectivas e 0,5 créditos ECTS (en trámite) será de 24 euros e o prazo aínda está aberto para inscribirse. As sesións serán os xoves de 18.00 a 20.00 horas e para recibier o certificado de aproveitamento será necesario asistir e/o visualizar o 85% das horas lectivas, ademais de realizar un breve traballo de aprendizaxe.