Excarceran o condutor dun turismo tras impactar cun camión militar na N-550
Por Redacción
Xornada de accidentes graves no municipio de Pontevedra. Ao sinistro de Ponte Sampaio no que falecía un mozo de 23 anos sumábase ás 16.30 horas outro accidente no que foi necesaria a intervención dos bombeiros.
Segundo indica o servizo do 112 Galicia, un turismo e un camión militar impactaban na N-550 ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Salcedo, á altura do concesionario de Peugeot.
Debido ao choque, o único ocupante do turismo quedaba atrapado no interior do vehículo e foi necesario que os bombeiros do Parque de Pontevedra utilizasen ferramentas para liberalo. Víronse obrigados a abrir o coche para facilitar a saída e permitir a atención médica do condutor ferido.
Desde o 112 Galicia tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local de Pontevedra e da Garda Civil de Tráfico. Os vehículos accidentados quedaron atravesados na calzada impedindo a circulación, polo que se xeraron importantes retencións na zona. Tamén interveu persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento, que é a administración titular da vía.