Amizade reunirase co xerente da área sanitaria para transmitirlle unha serie de problemáticas detectadas
Por Redacción
A asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra (Amizade) reunirase co xerente da área sanitaria, José Flores, para transmitirlle unha serie de problemáticas detectadas co obxectivo de contribuir a acadar unha mellor atención sanitaria para toda a cidadanía.
Segundo trasladan dende Amizade, unha das cuestións fundamentais que a asociación trasladará ao xerente é necesidade de mellorar as condicións de accesibilidade a diferentes servizos. Por exemplo, sinalan que faise necesario contar con camillas regulables en altura nos servizos de ecografía, xinecoloxía, obstetricia ou proctoloxía.
En canto ás obras do novo hospital Montecelo, Amizade ofrécese para facer un seguimento dos traballos para garantir un resultado final plenamente accesible a todas as persoas.
A experiencia da asociación neste ámbito de accesibilidade recomenda "a necesidade de que existan este tipo de controis para evitar erros de interpretación normativa e mesmo resultados inaccesibles que lamentablemente se producen en demasiadas ocasións".
Ademais destas cuestións, tamén preguntará sobre a previsión de que o novo Hospital Montecelo poida contar con elementos como cadeiras de baño regulables, grúas de teito, colchóns antiescaras, entre outros.
Por outro lado, a asociación trasladará ao xerente a necesidade de contar con protocolos específicos en urxencias para a atención a persoas con lesión medular. En algunhas ocasións téñense producido algúns problemas derivados da falta de coñecemento específico sobre lesión medular por parte do persoal de urxencias. "Un pequeno protocolo de actuación podería mellorar a atención recibida por este tipo de pacientes", afirma este colectivo.
Relacionadas:
-
Paraugas de cores na Ferrería para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Os fondos do recadro social da Renda axudan a mellorar as instalacións de COGAMI en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Poio mellora os estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida
Por Redacción |