A nova Lei de Memoria Democrática garante o acceso das vítimas do franquismo á xustiza?
Por Redacción
O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra vai celebrar unha xornada para informar e debater sobre os cambios que a entrada en vigor da nova Lei de Memoria Democrática (Lei 20/2022, publicada no BOE do pasado 20 de outubro) introduce na reparación dos crimes do franquismo.
Segundo avanza a Deputación de Pontevedra, nestas xornadas preténdese analizar se o novo texto garante o acceso á xustiza das vítimas ou é insuficiente, tal e como denuncian expertos na materia e moitas das asociacións de memoria.
O encontro, no que participarán colectivos memorialistas do país, será o vindeiro venres 28, a partir das 16.00 horas no Edificio Administrativo da Deputación. Estarán presentes, ademais da deputada de Memoria María Ortega, o avogado Jacinto Lara Bonilla e a avogada Paloma García Varela, integrantes do equipo xurídico madrileño que se está a ocupar da querela arxentina. Ambos explicarán os pasos a seguir tras a entrada en vigor da nova Lei de Memoria Democrática para conseguir a efectiva reparación xudicial dos crimes franquistas e informarán sobre o estado actual da querela arxentina.
Cabe lembrar que co auspicio da propia Deputación, integráronse na querela arxentina varias familias pontevedresas, como a do presidente do organismo provincial Amancio Caamaño, cuxas netas asinaron a adhesión en novembro de 2019, xunto a familiares de Ramiro Paz e Alexandre Bóveda, que tamén estarán presentes no encontro do vindeiro 28 de outubro.
O debate contará tamén coa presenza de vítimas que presentaron querelas ante tribunais estatais, sen conseguir amparo.
Relacionadas:
-
Pontevedra dedicará o mes da Memoria ao grupo Voces Ceibes
Por Redacción |
-
Xuristas con experiencia en Memoria Histórica consideran "cosmética" a nova Lei de Memoria Democrática
Por Redacción |
-
Cinco novas familias adhírense á querela arxentina contra o franquismo
Por Alejandro Espiño |
-
Presentadas no Consulado arxentino as querelas polos asasinatos de Bóveda, Caamaño e Paz
Por Redacción |
-
As familias de Bóveda, Paz e Caamaño presentarán o luns 18 as querelas individuais por "crimes do franquismo"
Por Redacción |