Moda a beneficio da investigación do cancro infantil
Por Manu Cillán
Oito empresas de moda téxtil para nenos participaron nun desfile benéfico que se celebrou este sábado no Multiusos de Marín. A recadación obtida por esta iniciativa solidaria vaise doar integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para destinala á investigación do cancro infantil e posibilitar o avance científico nun campo especialmente sensible e necesitado de apoio económico.
As firmas que exhibiron as súas creacións son as marinenses Bonequiña de papel, Noyma Infantil e Pillabáns; Casa K, de Bueu; Badumbadero e Vístelas, de Cangas e Moaña, respectivamente; Mi vestido encantado, de Boiro; e Lorena Barciela, da Coruña.
A entrada custou tres euros. Durante o desfile tamén se realizou un sorteo de artigos e produtos cedidos por diversos establecementos locais.
A organización deste desfile xurdiu polo interese de varios comerciantes e veciños por xerar actividade arredor do tecido socioeconómico marinense e contribuír á súa dinamización. Contou co respaldo do Concello de Marín e de negocios que colaboran desinteresadamente na loxística, decoración e presentación do evento.
No desfile participaron 70 nenos tendo unha grande asistencia de público.