Pontevedra e Logroño, únicas cidades españolas sen aire contaminado por ozono troposférico
Por Alejandro Espiño
Só os cidadáns de dúas capitais españolas, Pontevedra e Logroño, respiraron durante o ano 2022 un aire que non estaba contaminado por ozono troposférico. Así o certifica un informe elaborado pola asociación Ecoloxistas en Acción.
O estudo revela que un 98,7% dos españois, salvo os que residen nesas dúas cidades e no norte das illas de Gran Canaria e Tenerife, estiveron expostos a un nivel maior deste contaminante do que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Os efectos adversos do ozono troposférico, coñecido como O3, ten que ver, segundo os expertos, co seu carácter oxidante. Prodúcese especialmente cando as emisións dos vehículos e as fábricas, entre outros factores, reaccionan químicamente coa luz do sol.
A curto prazo, se a concentración de Ou3 é elevada, causa irritación de ollos e mucosas, dor de cabeza, fatiga ou unha menor capacidade pulmonar.
Pero se se respira de maneira sostida no tempo, pode derivar en asma, agravar o risco de diabetes ou infarto ou provocar alteracións cognitivas similares ao alzhéimer.
O informe de Ecoloxistas en Acción sinala a Galicia como unha das zonas de España con menor presencia deste contaminante, habitualmente polas choivas e a baixa radiación solar, pero este ano a vaga de calor provocou que a situación empeore.
Así, o estudo apunta que "a pesar da significativa mellora da calidade do aire, toda a poboación galega, salvo a da cidade de Pontevedra, respirou no 2022 un aire prexudicial para a saúde, segundo as recomendacións da OMS, en relación ao ozono troposférico.
A mala calidade do aire afectou, sostén o informe, "á práctica totalidade do territorio galego".
Para reverter esta situación, desde Ecoloxistas en Acción piden que "se cumpra o previsto na lexislación" na forma de plans de mellora de calidade do aire, que se traduzan en medidas concretas para reducir as emisións xeradas polo transporte e a industria.