Fondos europeos para a rehabilitación da escola unitaria de Arén, en Samieira
Por Redacción
O proxecto deseñado pola Concello de Poio para a recuperación e rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Arén, na parroquia de Samieira, vén de consolidarse como un dos proxectos de maior calidade a nivel nacional dentro da convocatoria aberta para a obtención de fondos ‘Next Generation’, a través do Programa para la Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), impulsado polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.
O ente dependente do Goberno central publicou hai uns días o listado das máis de 400 propostas presentadas polos concellos de toda España que recibirán estes fondos, entre os que se atopa o de Poio. O proxecto de Urbanismo e Promoción Económica está entre os 60 con mellor puntuación a nivel nacional, sendo o quinto de toda Galicia mellor valorado. “Hai que ter en conta que estes 400 proxectos son os que foron aprobados, pero as solicitudes foron moitas máis”, puntualiza o concelleiro Gregorio Agís.
Isto permite ao Concello dispor de preto de 160.000 euros para acometer esta reforma, que servirá para facer realidade unha transformación por completo deste inmoble, construído hai preto de 70 anos e que, logo dunha ampla traxectoria como centro educativo, tamén foi utilizado como local social para colectivos de Samieira. A ampliación do edificio, a mellora da accesibilidade e a dotación dunha nova envolvente térmica, así como a renovación de iluminación e servizos, son algunhas das cuestións nas que se centrarán as obras.
Agís lembra que os fondos que proveñen do Programa PIREP están destinados a concellos de menos de 20.000 habitantes, para a realización de proxectos que busquen a mellora sostible de equipamentos de uso público e que supoña un aforro no consumo enerxético de, como mínimo, o 30 %, ao tempo que se redunda na consolidación da mobilidade e da accesibilidade.
Neste sentido, o socialista explica que a actuación proposta desde a concellería de Urbanismo “supera con creces todos os requisitos, de aí que obtivese unha das puntuacións máis altas a nivel nacional, algo que para nós é un motivo de gran orgullo, xa que isto permitirá dar vida a un proxecto moi demandado pola veciñanza e que, precisamente, foi consensuado co tecido asociativo de Sameira no seu día”.
O investimento total que o Concello prevé realizar na unitaria ascende a uns 278.000 euros aproximadamente. Unha vez confirmada a dotación de fondos europeos, o titular de Urbanismo sinala que “agora continuaremos traballando na tramitación do proxecto, que xa conta con todos os permisos sectorais e que aspiramos a que sexa unha realidade na metade do ano 2024”.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión o inicio do expediente da ampliación e mellora de servizos básicos neste lugar, ao tempo que se impulsa a accesibilidade e mobilidade sostible e consolidando o seu carácter como núcleo rural. Estes traballos financiaranse a través de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022, cunha contía que supera os 350.000 euros.
Relacionadas:
-
Poio aprobará unha modificación de crédito para garantir a rehabilitación do Centro Social de Arén
Por Redacción |
-
O goberno local traballa para desbloquear o proxecto do Centro Social do Arén, en Samieira
Por Oskar Viéitez |
-
Poio proxecta a rehabilitación e ampliación da antiga escola unitaria de Arén
Por Redacción |