Sanxenxo preséntase no congreso de bandeiras azuis de Canarias como municipio de referencia
Por Redacción
Sanxenxo mostrou músculo no Congreso Internacional de Bandeira Azul celebrado en Canarias. A tenente de alcalde, María Deza, participou na mesa dedicada a Educación Ambiental con representantes de Sagunto (Valencia), Porto Rico e Marrocos na que debullou as medidas de educación ambiental postas en marcha no municipio e o investimento anual que Sanxenxo realiza para cumprir cos requisitos dun distintivo tan esixente como Bandeira Azul.
Nos últimos cinco anos, Sanxenxo realizou unha media de 15 actuacións ambientais por ano. “A natureza foi xenerosa con Sanxenxo e por iso a mellor educación ambiental é dar a coñecer o noso patrimonio natural. Cada vez que un veciño ou visitante percorre calquera dos nosos carreiros azuis ou a Rede Natura 2.000, 366 hectáreas e o 8 % do territorio, crea un vínculo que lle conciencia da importancia de coidar a zona para as xeracións futuras”, expuxo Deza durante a súa intervención.
Unha destas medidas que obtivo especial relevancia no foro do congreso de Bandeira Azul foi a retirada de papeleiras das praias. Unha medida na que Sanxenxo foi pioneiro e que como referente turístico “abriu camiño a outros concellos”, ta e como se destacou no congreso. A decisión foi destacada pola Adeac como un acerto.
Outro dos asuntos abordados foron os distintivos autonómicos de Praias sen fume ou equivalentes noutros municipios españois. Sanxenxo xa conta desde este ano co amparo de Praias sen Fume en todas as praias de bandeira azul.
Na súa aposta decidida pola bandeira azul, Sanxenxo realiza un investimento anual de 1,2 millóns de euros que serviron para manterse desde o 2003 como o municipio español con máis bandeiras azuis nas súas praias. Nas últimas dúas edicións, este municipio izou ata 17 bandeiras en 18 praias, ás que se suman outras sete para carreiros azuis, dous para os portos, unha para un club náutico e outra para o centro azul da Telleira.
Deza valorou moi positivamente a participación neste congreso no que se abordaron distintos aspectos relativos a seguridade, accesibilidade e medioambiente en praias en distintos países do mundo. Ademais, déronse a coñecer as últimas novidades no sector e que se poderían poñer en marcha en Sanxenxo en próximos veráns.
Relacionadas:
-
Sanxenxo mantense como líder galego das praias sen fume
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo reduce as súas emisións e compensa as emitidas con proxectos forestais
Por Redacción |
-
Sanxenxo debullará nun congreso internacional as medidas que o converten no municipio español con máis praias con bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Inician os preparativos da próxima tempada de praia en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os socorristas das praias de Sanxenxo tiveron 6.722 intervencións en xullo
Por Redacción |