A humanización da Rúa Porteliña e da Rúa do Adro comezarán antes de final de ano
Por Redacción
Antes de que remate este ano 2022 comezarán dúas novas obras de humanización na parroquia de San Salvador. Trátase das actuacións previstas na Rúa Porteliña e na Rúa do Adro, nas que o Concello de Poio investirá case 400.000 euros, financiados co Plan Concellos da Deputación.
As dúas obras, segundo o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, "darán un novo aspecto e garantirán moita máis calidade de vida para as numerosas persoas que viven nas proximidades".
A reforma da Rúa Porteliña, que custará 188.350 euros, será executada pola empresa Movimiento de Áridos y Construcciones Arosa; mentres que a da Rúa do Adro, que ten un orzamento de 196.000 euros, correrá a cargo da compañía Narom.
As actuacións centraranse na humanización e rehabilitación dunha zona moi degradada.
Procederase á mellora do pavimento, á adaptación de rasantes e á eliminación de barreiras arquitectónicas, apostando deste xeito por continuar consolidando a accesibilidade universal.
Apostarase ademais polo uso de novos materiais totalmente respectuosos coa contorna, ao tempo que se lle dará prioridade ao tránsito peonil, garantindo unha maior seguridade.
Para levar a cabo estas obras será necesario proceder á demolición do firme actual e da beirarrúa existente, adaptando as rasantes a unha nova plataforma única.
Os servizos básicos tamén serán renovados e instalados naqueles puntos onde se carecen deles.
O espazo pasará a contar cunha canalización destinada a saneamento nunha superficie duns 150 metros, na que se habilitará unha tubaxe de PVC, ademais de oito pozos de rexistro.
Con respecto á recollida de pluviais, habilitarase un colector PVC de 180 metros de lonxitude, acompañado de 16 acometidas domiciliarias, dez pozos de rexistro e sete sumidoiros para a recollida deste tipo de augas.
Os traballos culminarán coa dotación de servizos para telecomunicacións e a renovación do alumeado público, apostando por puntos de luz LED para unha maior eficiencia enerxética.
Relacionadas:
-
Poio xestiona un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións de Anafáns
Por Redacción |
-
A veciñanza de San Salvador coñecerá este domingo a actuación na Rúa do Adro e na Porteliña
Por Redacción |
-
As obras na Rúa do Adro e na Porteliña cambian os accesos e saídas desde o CEIP Viñas
Por Oskar Viéitez |
-
Sae a licitación o proxecto para a humanización da contorna da rúa do Adro e da Porteliña
Por Redacción |
-
Anuncian melloras na rede de saneamento na PO-308 en Porteliña
Por Redacción |