Acordo para expropiar unha parcela para os accesos ao futuro pavillón da Parda
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno municipal aceptou este luns expropiar unha parcela situada na Rúa Tomás e Valente para incorporala ás futuras instalacións do pavillón da Parda.
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, explicou que se trata dun avance máis para a construción deste espazo deportivo. Lembrou que en 2018 se expropiaron tres parcelas para o futuro equipamento cunha superficie de 141, 255 e 66 metros cadrados.
Agora, un espazo de 476,60 metros cadrados, situada no espazo paralelo ao edificio dos Xulgados da Parda, pasará a ser de titularidade municipal por 184.448, 85 euros. Esta parcela, explicou a concelleira, non é necesaria para o futuro pavillón pero permitirá avanzar na mellora de accesos.
Con esta incorporación finalizaría o proceso de expropiacións coa intención de que a principios de 2023 se poida licitar a obra para a construción do agardado edificio. Neste período ata finais de ano estúdase a viabilidade económica para decidir o procedemento máis adecuado para a licitación, debido ao incremento de prezos rexistrado durante os últimos anos.
Gulías indicou que é unha "obra moi ambiciosa" e que precisa dun edificio de altura, tal e como se demanda para acoller as competicións de ximnastas. Neste sentido, sinalou que se estuda a incorporación doutros elementos deportivos como un rocódromo ás instalacións.
Relacionadas:
-
O futuro complexo deportivo da Parda terá un pavillón multideporte, outro de ximnasia e un rocódromo de competición
Por Alejandro Espiño |
-
Os 'deberes' que o alcalde de Pontevedra lle porá a Alfonso Rueda
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello buscará alternativas para os ximnastas á espera do novo pavillón da Parda
Por Manu Otero |
-
Lores sobre o complexo deportivo da Parda: "gustaríame que estea rematado en 2019"
Por Diego Espiño |