A Xunta habilitará aparcadoiros disuasorios gratuítos na periferia de Vilagarcía, Caldas e Ribadumia
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsa a creación de tres aparcadoiros disuasorios gratuítos, con máis de 200 prazas nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Ribadumia e cun investimento conxunto de case 1,7 millóns de euros. Esta actuación está financiada pola Unión Europea no marco dos fondos Next Generation.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou a actuación este martes nunha visita a Saiar, no municipio caldense, no espazo no que se vai crear un destes estacionamentos.
Estes proxectos se someten desde este martes a información pública, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia.
Luis López relacionou esta iniciativa coas próximas restricións de acceso de vehículos ás zonas de baixas emisións das cidades e dos municipios con certos índices de contaminación.
"Desde a Xunta estamos comprometidos coas accións contra o cambio climático, na defensa do medio ambiente e pola mobilidade sostible e sempre cumprimos, nos adiantamos e buscamos darlle solucións aos cidadáns, moitos dos cales terán problemas ou simplemente non poderán entrar nos centros urbanos", manifestou o representante autonómico.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai destinar preto de 100.000 euros para expropiar as seis parcelas necesarias, que superan os 8.000 metros cadrados, e agarda que a creación destes espazos poida comezar o vindeiro ano para ser unha realidade xa en 2024, xa que o prazo de execución estimado é de 12 meses.
Máis en detalle, o aparcadoiro de Vilagarcía suporá un investimento de 509.000 euros, situarase no lugar de Coruxo, nas inmediacións da glorieta da VG-4.3 e da N-640, e disporá de 59 prazas en 1.950 metros cadrados e dous puntos de recarga para vehículos eléctricos.
No caso de Ribadumia, o estacionamento disuasorio situarase en Barrantes, na contorna da rotonda entre a AG-41 e a VG-4.2, e distribuirase nunha superficie de 2.815 metros cadrados con 77 espazos e tres puntos de recarga eléctrica. O investimento estimado é de 431.000 euros.
Finalmente, no municipio de Caldas de Reis o aparcadoiro disuasorio situarase en Saiar, entre as estradas N-640 e PO-305 preto do acceso 110 á autoestrada AP-9. O seu investimento alcanzará os 524.000 euros. A súa superficie será de 2.100 metros cadrados que permitirán albergar 72 prazas e tres puntos de recarga.
Relacionadas:
-
O Consello da Xunta aproba o proxecto dun aparcadoiro disuasorio na estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
Vilagarcía contará cun novo aparcamento disuasorio de 83 prazas
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto para crear dous aparcadoiros disuasorios para fomentar o vehículo compartido no Salnés
Por Anxo Lourido |