Gonzalo Durán anuncia a súa candidatura á reelección á alcaldía de Vilanova
Por Redacción
O actual alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, optará á reelección nas eleccións municipais do próximo ano 2023.
Durán, representante do Partido Popular, anunciou este mércores a súa candidatura nun acto celebrado na Estación Marítima no que estivo apoiado pola xunta local da súa formación, representantes veciñais e de diferentes sectores produtivos e tamén dirixentes do PP provincial como o presidente, Luís López, a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, o vicesecretario de Acción Electoral, Javier Tourís, e a coordinadora do Salnés, Paz Lago.
"O único que nos move é traballar para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. Non dar nin un paso atrás, para que conten con máis e mellores servizos e infraestruturas", defendeu o candidato popular asegurando que "traballamos moi duro nestes catro anos, e aspiramos a mellorar os resultados de 2019".
"A maior preocupación dos veciños de Vilanova de Arousa é ter e manter o seu emprego. A xente quere traballo, estabilidade e bos emprego, e non se pode dicir, como di o Goberno central, que esta xeración vai vivir peor que os seus pais", afirmou Durán.
Pola súa banda o presidente provincial do PP, Luís López, puxo en valor o respaldo que Gonzalo Durán recibiu en anteriores eleccións municipais "que mostra o apoio indiscutible ao alcalde, ao seu equipo e ao seu proxecto para este concello".