Presentación oficial de Ana Couto como candidata del PSdeG-PSOE á alcaldía de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Nun acto público celebrado na Casa do Pobo de Almofrei, o PsdeG-PSOE presentou á que será a candidata á alcaldía nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo ano: Ana Couto.
A presentación contou coa asistencia de numerosas veciñas e veciños e coa participación da presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva, e do secretario xeral provincial e delegado de Zona Franca, David Regades.
A actual voceira municipal, Lina Garrido, definiu a Couto como unha "muller, intelixente e traballadora", e anunciou que o eixe da campaña estará centrado na defensa dos servizos públicos e da loita contra a perda de poboación no rural.
Durante a posta de longo, Ana Couto explicou, en primeira persoa, os retos aos que se enfrontan as unidades familiares que non poden matricular ás súas fillas e fillos no colexio máis próximo ao seu domicilio porque non hai Plan Madruga. É o caso dos colexios de Carballedo e Cerdedo. "Eu mesma tiven que optar polo centro máis próximo á casa dos meus tíos para poder conciliar a vida laboral coa familiar", lamentou.
Engadiu, ademais, que para que un concello medre debe ter un "proxecto político claro e compartido. Un proxecto baseado na identidade e asentado en servizos de calidade que fagan a vida da xente máis fácil". Tamén denunciou a precariedade que vive o sistema sanitario coa falta de pediatras, de médicos/as, a falta dunha liña de transporte público fiable a Pontevedra e mesmo a inexistencia da banda ancha de Internet, impedindo así atraer a profesionais que poden traballar dende casa.
A candidata socialista lamentou que Carballedo, o núcleo central do municipio, "ten cada vez menos vida" e denunciou "a pasividade dun Concello que se resigna ao peche da oficina bancaria e á perda do seu escaso tecido comercial", e a pasividade ante a ameaza ante a vaga de proxectos eólicos que chegou despois de que a Xunta abrise a porta á súa instalación fóra dos polígonos previstos no Plan Sectorial Eólico de Galicia.
Ante esta situación, Couto avanzou que levará a cabo unha serie de medidas sociais nos centros educativos para que pais e nais poidan conciliar co traballo, axudas para coidados a domicilio, a creación dun arquivo audiovisual da memoria do municipio, e un longo etc. Tamén falou da necesidade de ampliar a rede de saneamento a tódalas parroquias ou a humanización da estrada provincial de Almofrei.
As reivindicacións da candidata foron apoiadas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que explicou que "Ana vai ser a alcaldesa que fará realidade a humanización desta estrada. Quero que Cerdedo- Cotobade se sume ao impulso dos concellos progresistas que transforman o territorio para todas e para todos e que atenden a toda a veciñanza por igual", concluíu.
Relacionadas:
-
Jorge Cubela, a polo seu cuarto mandato en Cerdedo-Cotobade: "É momento de seguir adiante e non parar"
Por Redacción |
-
Lamentan que o Concello de Cerdedo-Cotobade perda dúas subvencións de gran contía
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Couto será a candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |