Sete aulas máis no IES Luis Seoane ante o incremento de matrícula e os novos títulos de FP
Por Redacción
Case 730.000 euros estanse a investir nun dos principais institutos de Pontevedra, o IES Luis Seoane de Monte Porreiro, para poder ampliar as súas actuais instalacións.
O obxectivo destes traballos, segundo explicou este luns o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao instituto, é dotar á comunidade educativa do centro "de máis aulas e servizos asociados".
En concreto, o Luis Seoane contará con sete novas aulas de diverso tamaño, ás que se suman outros espazos complementarios como almacéns, aseos, vestiarios ou espazos técnicos.
Esta ampliación está pensada para dar resposta ao incremento da matrícula e a implantación de dous novos títulos de Formación Profesional no instituto: o grao básico de Servizos e Comerciais e a FP Dual de Comercialización de Produtos alimentarios.
As obras que comezaron xa no mes de outubro contemplan, entre outras actuacións, traballos de demolición e de desmontaxe das instalacións de fontanería, saneamento e electricidade.
Así mesmo, construirase unha escaleira nova, habilitarase un novo trazado para as instalacións de fontanería e de separacións entre salas e instalaranse novos elementos de iluminación, sinalización e control de incendios.
Rodríguez destacou que, no caso da cidade de Pontevedra, o seu departamento ten obras en marcha que suman uns 10,3 millóns de euros en investimento público.
Entre elas, ademais desta ampliación do IES Luis Seoane, o conselleiro citou a rehabilitación integral do instituto Valle-Inclán, valorada en 4,3 millóns de euros; e o proxecto de de ampliación do Centro Integrado de FP Carlos Oroza, que custará 2,8 millóns.