Piden máis lombos elevados para a contorna do Centro de Saúde da Parda
Por Redacción
A agrupación Espazo Ecosocialista, integrante de AGE, insta o Concello de Pontevedra a que coloque polo menos dous lombos elevados máis na contorna do Centro de Saúde da Parda para evitar riscos de atropelo.
Dende este colectivo consideran que calquera cambio na planificación de viais ten consecuencias cara ás saídas naturais da cidade e así, sinalan, compróbase na rúa Eduardo Pondal ao ter saída cara ao viaduto da Parda e na rúa Gaiteiro Ricardo Portela. A cantidade de coches aumentou, segundo Espazo Ecosocialista, na zona da Parda que se converteu "nun atallo para evitar rúas máis céntricas e conxestionadas".
Reclaman que a Policía Local comprobe que se rexistra un exceso de velocidade que se desenvolve ata a conexión coa estrada vella de Marcón, na intersección coa rúa Camposanto. Sinalan que se incumpre coa limitación de circular a 30 quilómetros á hora pola zona urbana.
Segundo sinalan, numerosas persoas de avanzada idade e nenos cruzan cara ao Centro de Saúde ou cara aos parques da zona. Por ese motivo tamén reclaman unha mellor sinalización nocturna dos pasos de peóns na rúa Gaiteiro Ricardo Portela.