Ghub Pontevedra, o novo punto de encontro para a comunidade dixital da cidade
Por Alejandro Espiño
Un hub é un dispositivo informático que actúa como ponte para poder conectar varios dispositivos ao mesmo tempo. Pero cunha G diante e pronunciado con gheada, Ghub, adquire unha dimensión maior aínda que sen perder o seu espírito de conexión entre iguais.
Ghub Pontevedra será unha plataforma que, segundo explicou o edil de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, busca crear un espazo de promoción e creación de sinerxías entre os creadores de contido dixital que hai en todo o municipio, fomentando una maior interrelación entre eles.
"É un proxecto no que levamos traballando desde hai máis dun ano e que agora ve a luz ou, polo menos, conta xa cunha parte visible coa que se pode interactuar", indicou o seu responsable.
Así, nesta primeira etapa de escoita co propio sector, desde o Concello contactaron, entre outros, con xente do mundo dos videoxogos, artistas especializados no dixital, creadores de moda, axencias de deseño web e mesmo influencers e diversos creadores de contido.
Un dos obxectivos do Ghub Pontevedra é a creación dun catálogo público, conectado a través da web, no que as persoas da comunidade dixital poderán coñecerse e expoñerse, tanto entre elas como ao público.
Haberá ademais unha vertente física, "na que as persoas poderán atoparse, coñecerse e estreitar posibles lazos a través dunha serie de encontros e un diálogo activo", segundo Oubiña.
Tras un encontro informal celebrado no Pazo da Cultura, estas actividades continuarán este mércores, 30 de novembro, ás 12 horas, cunha charla da xornalista e directora de Vinte María Yáñez. Ás 17 horas tamén haberá unha sesión práctica.
O día 2 de decembro, ás 19 horas, tamén está programada outra cita con Marta Verde, artista visual e creadora dixital pontevedresa, colaboradora na actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest, que ofrecerá a súa experiencia na aplicación da arte dixital en propostas ao vivo.
Ademais, o día 3, ás 10 horas, fará un obradoiro de computer vision in comprocressing.
Todas estas xuntanzas serán realizadas na sala VIP do Pazo da Cultura.