O Nadal máis artesán prepárase en Panadería Acuña
Decembro é o mes do ano máis laborioso no sector da panadería e pastelería. Así o comprobamos na nosa visita ao obradoiro que Panadería Acuña ten na avenida de Vigo de Pontevedra.
"Estamos mergullados desde hai dúas semanas na campaña de Nadal", declara Andrés Acuña, á fronte xunto ao seu primo Jacobo Acuña do negocio fundado polo seu bisavó en 1950.
O carácter artesán do produto e o respecto pola tradición fan que os tempos de preparación se alonguen. Unido aos cambios nos hábitos de consumo. Andrés Acuña corrobora que "cada vez as campañas de Nadal empezan antes, antigamente era unha semana antes do 24, o 31 e Reis".
Pouco a pouco as especialidades de Nadal van chegando ás tendas. O máis madrugador é o panettone. "En outubro xa empezamos coa primeira campaña do panettone, que é unha sobremesa italiana que cada vez ten máis auxe en España". En Panadería Acuña elabórase en distintos formatos: o tradicional de froitas, o de chocolate e hai tres anos lanzouse unha edición limitada de 500 unidades cunha decoración especial e nunha caixa dourada pensada para regalar.
O mimo co que Panadería Acuña trata este produto maniféstase en que só se elaboran 70 unidades de cada vez. Ademais, esta campaña repítese o exitoso "panettone viaxeiro", unha iniciativa na que a caixa dourada é fotografada en distintos lugares. O ano pasado viaxou pola xeografía galega e este tocoulle a quenda aos destinos europeos.
Andrés Acuña revélanos que a foto en EuroDisney fíxoa un traballador que estivo no parque cos seus fillos, a de Roma é dun pasteleiro da casa e a de Marsella dun amigo que tamén se uniu divertido a este reto, por poñer algúns exemplos. "Trátase de crear un vínculo empresa-marca co cliente, que tamén son amigos, e non custa nada levar a caixa, é unha cousa bonita. Tamén nos adaptamos ás novas formas de comunicación coas redes sociais, somos a cuarta xeración pero fomos evolucionando cos tempos".
O stollen e o pandoro son as outras dúas especialidades internacionais que chegaron para quedar. O stollen, explícanos Andrés, "é un pan doce, como unha masa de roscón máis compacta, máis dura, moi saborosa". Pola súa banda, o pandoro "é un tipo de biscoito cun grao máis de humidade, non tan seco como o biscoito tradicional de Pascua".
Nas fotografías que acompañan esta reportaxe, o pasteleiro Miguel Pena mostra as masas en plena fermentación dos pandoros. "Estamos hoxe elaborando pandoros, só 35 pandoros por día, para que vexas o traballo que dá", aclara Andrés.
"A receita é moi laboriosa, hai que mesturar os ingredientes aos poucos, respectar unhas fermentacións, fermentación en bloque, fermentación en peza, enfornado… cada produto que elaboramos, o panettone ou o pandoro, nos imos a fermentacións de 24 horas. Pódese facer máis rápido pero non é o noso estilo, querémolo facer ben, preferimos vender menos, vender calidade, e non grandes volumes".
Toda unha declaración de principios desta empresa familiar e artesá. "Somos un obradoiro artesanal de pobo ou de barrio sen perder a esencia", resume Andrés Acuña.
A pesar de que cambian os tempos, mantense a tradición de produtos artesáns que nunca faltan nas reunións familiares. Xa están nas tendas Acuña os turróns, os mazapáns e os empiñonados. "Os típicos polvoróns empezaremos a elaboralos a semana que vén".
A "traca final" será o roscón de Reis. "Levamos desde hai uns dez anos metendo premios nos roscóns e é unha fórmula que nos funciona moi ben. Temos dous premios gordos de 500 euros, catro de 100 euros, tres premios de 50 euros, catro de 20 euros, cinco premios de 10 euros e dez premios de 5 euros".
Levamos uns dez anos metendo premios nos roscóns e é unha fórmula que nos funciona moi ben
Curiosamente, cando Andrés Acuña incorporouse ao obradoiro hai 21 anos o roscón de Reis non se facía, unha mostra máis do cambio xeracional nunha campaña de Nadal que se prolongará ata a primeira semana do ano.
"O 5 e o 6 de xaneiro, cando toda a xente está a abrir agasallos, nós estamos amasando roscóns", expresa cun sorriso Andrés pero tamén rompendo unha lanza polos seus traballadores nunha "campaña moi sacrificada para todo o sector". Por iso, desde hai dous anos, na redes sociais e nas tendas Acuña colgaron esta mensaxe: "Atención estimados clientes. Por conciliación e organización dos nosos traballadores este Nadal, os días 24 e 31 non se collerán encargas de ningún tipo. Por favor, realicen os seus encargos o día anterior a estas grandes datas".
O final da campaña de Nadal será só unha pequena paréntese na incesante actividade na panificadora, con Andrés á fronte do obradoiro e Jacobo en loxística e reparticións. A continuación virán no mes de febreiro as campañas de San Valentín e Entroido, nun ano especialmente intenso, marcado polo cambio de sede.
A finalización das obras do novo obradoiro de Panadería Acuña está programada para marzo-maio de 2023. "Pero despois está o tema do equipamento da nave, que vai máis amodo", afirma Andrés Acuña. "Eu creo que finais de 2023, principios de 2024 estaremos a elaborar pans no Polígono de Barro, con moita calma porque o traslado é bastante complexo e hai que facelo con moita cabeza. Imos gañar calidade de vida para os traballadores, aquí estamos axustados e alí van traballar máis holgadamente, con máis benestar". Antes, no verán, xa esperan abrir a cafetería.
Relacionadas:
-
Panadería Acuña culmina a terceira colleita na súa plantación experimental de trigo autóctono
Por Noticia patrocinada |
-
Barro concede licenza ás novas instalacións no polígono de Artesa Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Briquetas para alimentar o forno, a solución de Panadería Acuña fronte á imparable suba do gas
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A feira dos doces do Entroido recibiu a visita dunhas 10.000 persoas
Por Redacción |