Unha representación teatral de 'A vida de Brian' pechará unha ampla programación de Nadal prevista en Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis promove unha gran diversidade de obradoiros, actuacións, festivais, festas e bailes durante as próximas semanas cun club de cociña, actividades lúdicas con Cuntilín e as sempre especiais visitas de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos.
Entre as actividades destaca o Festival Folclórico de Nadal o vindeiro sábado 17 no Pavillón Municipal, organizado pola Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis.
O xoves e venres 22 e 23 de decembro, as persoas interesadas terán a oportunidade de visitar as obras realizadas polo alumnado do Taller de Arte na Casa da Cultura. Tamén o venres 23, ás 20.15 horas, na Igrexa celebrarase o Festival das Corais.
Na xornada do 24 de decembro chegará unha das visitas máis esperadas: Papá Noel achegarase ata a Casa da Cultura para saudar aos escolares a partir das 11.00 horas.
O xoves 29, ás 17.00 horas, será a quenda do personaxe do Apalpador quen visitará a Casa da Cultura.
Na noite de Aninovo celebrarase unha festa con baile para dicir adeus ao 2022 a partir das 01.00 horas na carpa da Praza da Constitución, unha actividade promovida pola Asociación Cultural Belle Époque Cuntis.
A Cabalgata de Reis percorrerá as parroquias o 5 de xaneiro a partir das 11.00 horas. Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, achegaranse polo centro da vila para recoller as peticións dos máis pequenos. A recepción real será ás 19.30 horas no Centro Patelas.
Ao día seguinte celebrarase o concerto de Reis coa Banda de Música Municipal da Estrada a partir das 18.00 horas na Igrexa, segundo informa o goberno local.
As actividades finalizarán coa representación teatral de 'A vida de Brian', organizada por Chumpá Teatro o 8 de xaneiro no Centro Patelas.
As persoas interesadas en inscribirse nalgunha actividade ou que precisen de máis información poden contectar coa OMIX de Cuntis, a través do teléfono 986 533 600 ou no correo electrónico omix@concellodecuntis.es