Galinsect e Propplantae triunfan entre os 37 candidatos ao primeiro premio provincial de emprendemento
Por Redacción
Galinsect e Propplantae son as flamantes gañadoras dos I Premios de Emprendemento da provincia convocados pola Deputación de Pontevedra, no marco do programa SmartPeme, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas.
Os premios, unha nova iniciativa para apoiar o tecido emprendedor na súa transición dixital e aos que concorreron un total de 37 empresas, coñecéronse esta tarde na Gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo, evento conducido pola xornalista Raquel Pérez e coa guinda musical da man da cantante, compositora e produtora Rebeca Rods e o seu grupo de góspel. Durante o transcurso da Gala tamén se entregaron os premios ás dúas mellores iniciativas entre as participantes da quinta edición da aceleradora de empresas turísticas, que recaeron en Alecrín e Meet Rural.
Os I Premios de Emprendemento repartiron 7.500 euros para as dúas mellores propostas de emprendemento ligadas ao rural e ao compromiso coa sostibilidade e a transición dixital. Deste xeito, a empresa Galinsect, radicada en Ponteareas da man de Rubén Recamán, alzouse con 4.000 euros. Mentres que Propplantae liderada por Vanesa Redondo e con sede en Nigrán obtivo 3.500 euros.
Galinsect é un proxecto de revalorización de residuos na industria agrícola e alimentaria para a produción industrial de insectos para o sector acuícola, agropecuario e de mascotas como solución sostible para a alimentación animal, mentres que Propplantae é un laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i que diagnostica enfermidades de plantas e prescribe tratamentos sostibles.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que cos I Premios de Emprendemento “recoñecemos a todas as mulleres e homes que apostan pola creación de empresas e pola posta en marcha de negocios, en definitiva, por emprender” e puxo en valor as “dúas perspectivas diferentes coas que se abordaron os premios, ruralidade e sostibilidade máis dixitalización”.
Pola súa banda a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, salientou que “é un motivo de satisfacción que houbese un número moi alto de empresas candidatas, e ademais de moita calidade, moi potentes e moi maduras con previsión de poder constituírse e de ser sostibles”.
Durante a gala, as persoas asistentes tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man un claro caso de éxito de emprendemento da provincia: o da artesá de terceira xeración Elena Ferro, emprendedora de referencia natural de Vila de Cruces cuxo proxecto, no que traballa o coiro, a levou a gañar en 2019 o Premio Nacional de Artesanía.
Relacionadas:
-
A Deputación premiará ás mellores iniciativas empresariais da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación presenta as axudas ás escolas de música e novos avances na transformación dixital dos concellos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva presenta "os espectaculares datos" do servizo SmartPeme
Por Redacción |