Tres anos de prisión para o responsable dun narcopiso no centro de Pontevedra
Por Natalia Puga
Tres anos de prisión e unha multa de 5.500 euros. É a pena que deberá cumprir un pontevedrés que no ano 2022 tiña un narcopiso no que cultivaba marihuana e vendía distintos tipos de substancias estupefacientes no centro de Pontevedra.
O home asinou este xoves un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que evitou chegar a xuízo. A vista oral estaba prevista na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, que agora ditará unha sentenza coa súa conformidade.
O acordo non se pronuncia sobre a posible suspensión da execución da condena, que os maxistrados deberán decidir cando emitan o seu fallo.
Este narcopiso chegou a coñecemento da Policía Nacional como consecuencia dunha alerta veciñal ante a posibilidade de que na vivenda do procesado na cidade se puidesen estar a vender substancias estupefacientes, debido á constante trasfega de persoas toxicómanas.
A partir do mes de febreiro de 2020, os policías estableceron un dispositivo sobre a citada vivenda e, na que se bautizou como operación Millán, presenciaron unha transacción de droga en rúa Michelena e tamén que certos individuos acudían á vivenda do procesado, para abandonar a mesma ao cabo duns instantes.
Algunhas destas persoas foron interceptadas por axentes da Policía Nacional e interviñéronlle cánnabis ou resina de cánnabis. En todo caso, non se puido asegurar de certo se ditas substancias llas proporcionou o procesado no seu domicilio ou as adquirían noutro lugar e a outra persoa.
O 30 de setembro dese ano realizaron un rexistro na vivenda. No dormitorio localizaron substancias estupefacientes que concluíron que posuía para destinalas ao consumo de terceiras persoas a cambio dunha contraprestación de carácter económico.
Eran diversas cantidades de resina de cánnabis, unha caixiña con cogollos de cánnabis, unha bolsa de cartón con picado de follas de planta de cánnabis, dous comprimidos e medio de substancia MDMA (éxtase), oito paquetes de cocaína e dous teléfonos móbiles e obxectos para manipular droga.
Noutra habitación había catro macetas con plantas de marihuana podadas, quedando soamente o talo central, cunha medida entre 50 e 108 centímetros e dous picadoras de marihuana.
O rocho estaba habilitado como lugar de secado de marihuana, con restos da devandita substancia vexetal esparexidos polo chan. Había unha lámpada co seu transformador eléctrico e tapouse con papel de aluminio a xanela que dá ao patio de luces.
Noutra habitación atopouse un armario de plástico cuxo interior era de material reflector e que utilizaba para o cultivo da marihuana.
Había nesa estancia unha lámpada para dar calor, 26 macetas de plástico cos seus pratos, 3 tubos flexibles para a extracción, un ventilador, enchufes con regletas e 2 programadores eléctricos.