Ganapán de Nadal, a partir do venres 23 no Mercado de Abastos
Por Redacción
Entre o venres 23 de decembro e o domingo 8 de xaneiro, o Gastroespazo do Mercado de Abastos acollerá numerosas actividades de talleres de Nadal do Ganapán especialmente orientadas a escolares con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos.
Durante estas xornadas haberá obradoiros de elaboración de receitas para preparar galletas "bicos de anxo"; biscoitos de Nochenueva; polvoróns "realfooding"; brunch de Nadal; trufas de chocolate negro e de mazapán e chocolate branco; galletas estrela de froitos vermellos, filloas de arandos; piruletas sorpresa dos Reis Magos e galletas "rosco de laranxa", entre outros.
Tamén se desenvolverá un taller de actividades creativas realizando tarxetas 'pop-up' elfos máxicos; bonecos de neve; campás; árbores de Nadal; monicreques do Apalapador; agasallos de Reis; ovos sorpresa; ou coroas reais. Yoya Blanco, a concelleira de Promoción Económica, lembra que haberá obradoiros todos os días, salvo o domingo 25 de decembro; o domingo 1 de xaneiro e o venres 6 de xaneiro. Os horarios establecidos enmárcanse entre as 11.30 e as 13.30 horas.
Aqueles menores que queiran participar nestas accións gratuítas deberán reservar praza enviando un correo electrónico a oganapan@gmail.com. É necesario que figuren o nome e os apelidos; a idade; un teléfono de contacto e o día e hora no que os escolares queren participar destas accións.
Terán prioridade os nenos e nenas que se inscriban por primeira vez e non participasen en ningún dos talleres desenvolvidos durante as últimas dúas semanas. As prazas restantes cubriranse por estrita orde de chegada da solicitude de inscrición e atendendo á última vez en que participasen en actividades do Ganapán. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico, como moi tarde o día anterior á actividade, para confirmar a asistencia. Establecerase unha lista de espera.
Como sempre, Yoya Blanco pide puntualidade e recomenda levar unha fiameira para que os escolares trasladen os produtos elaborados ás súas casas e poidan saborealos coas súas familias durante estes días de festa.