O Lérez, en alerta ao superar o nivel de desbordamento
Por Redacción
As incesantes choivas que nos acompañan desde hai días levaron ao río Lérez a unha situación límite. O seu caudal superou o nivel de desbordamento, polo que a Xunta activou a fase de alerta do plan especial de inundacións de Galicia.
Xunto co Lérez, outros seis ríos galegos atópanse nesta mesma situación, aínda que todos eles son leitos situados na provincia de Pontevedra. Unicamente a conca do Lagares, en Vigo, está baixo observación pero por agora non pasou os límites establecidos.
Desde o 112 Galicia advirten que, debido á situación meteorolóxica actual, é posible que nas próximas horas máis ríos alcancen o nivel de desbordamento.
Ante esta situación, recomendan adoptar medidas auto protección para evitar que a auga entre en domicilios ou negocios e piden á cidadanía que extremen as precaucións ao circular co coche, especialmente en vías ou pontes situados preto dos ríos.
Este episodio adverso por choivas, segundo recollen as predicións de Meteogalicia, manterase durante toda esta xornada de Noiteboa, deixando nalgúns casos precipitacións acumuladas que poden alcanzar os 80 litros de auga por metro cadrado en doce horas.
As acumulacións de choiva máis destacadas están a rexistrarse na metade norte da provincia de Pontevedra.