Guía para circular por Pontevedra durante a Cabalgata de Reis, que este ano será máis longa
Por Redacción
Os Reis Magos regresarán a Pontevedra este xoves 5 de xaneiro e farano con encontros coa poboación máis nova durante todo o día e cunha cabalgata, a cita central da xornada, máis longa do habitual.
Para garantir que esta visita de Melchor, Gaspar e Baltasar non afecte á circulación pola cidade, a Policía Local puxo en marcha un operativo de tráfico durante a cabalgata que suporá cambios e cortes no tránsito.
Así, as seis carrozas da Cabalgata concentraranse na avenida de Lugo (adoitaba ser en José Malvar) e a zona de concentración quedará pechada a partir das 16.00 horas. O peche afectará á avenida de Lugo e Loureiro Crespo entre as rúas Virxinia Pereira e Rodríguez Seoane.
A cabalgata comezará ás 18.00 horas e o percorrido será este ano: Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, Praza de España, Alameda e Echegaray. Nesta última rúa será a zona de recollida.
Xa unha hora antes, a partir das 17.00 horas, non se permitirá o acceso ou saída dos garaxes que se atopen no itinerario e procederase ao peche das rúas afectadas polo mesmo.
Ademais, a Policía Local puxo en marcha un operativo especial para o acceso aos hospitais Provincial e QuirónSalud Miguel Domínguez, que están no percorrido.
Para ir ao Provincial, hai dúas rutas, unha desde Beiramar de acceso por Padre Gaite, San Antoniño, Victor Cervera Mercadillo e Loureiro Crespo. A segunda ruta será desde Eduardo Pondal por Uxío Novoneira e Joaquín Costa.
Para acceder ao Hospital Quirónsalud, será por Praza de Galicia, Andrés Mellado, Sagasta (sentido contrario) e rúa Castelao.
Con antelación suficiente débese comunicar á Policía Local a través do número 986.83.30.80 a necesidade de acceder ao centro asistencial para que se poidan adoptar as medidas que procedan.
O Concello de Pontevedra lembra que cómpre seguir as instrucións dos corpos de seguridade e dos voluntarios de Protección Civil co fin de garantir o benestar de todas as persoas que acudan a ver a Cabalgata.
Está previsto que se repartan preto de dúas toneladas de caramelos sen gluten.
ACTOS DA XORNADA
As súas maxestades de Oriente participarán en diversos actos pola cidade ao longo do día. Durante a mañá visitarán diversos medios de comunicación, entre eles, PontevedraViva, Cadena Ser, La Voz de Galicia ou Diario de Pontevedra.
Tamén irá ao Club Social e Deportivo de Campolongo (10 horas), á residencia de maiores de Campolongo (10.45) e ao Estadio da Xuventude (12.30) para asistir á gran festa do atletismo do V Torneo de Reis.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, recibirán aos Reis Magos no Pazo de Mugartegui ás 11.00 horas e a partir dese momento van saudar desde o balcón.
Relacionadas:
-
Multitudinaria recepción a Melchor, Gaspar e Baltasar nas rúas de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Os Reis Magos inclúen a PontevedraViva nas paradas previas á súa gran noite
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Un Tren Mago percorrerá as parroquias de Sanxenxo quentando motores para a tradicional cabalgata
Por Redacción |
-
Un séquito de 420 persoas participará na Cabalgata de Reis de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Os Reis Magos recuperan a normalidade pre pandemia e visitarán todas as parroquias de Poio
Por Redacción |
-
Marín prepara a visita dos Reis Magos recuperando o seu tradicional percorrido para a cabalgata
Por Redacción |