2,5 millóns para a transformación dixital dos Concellos da provincia
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación, presentaba este xoves as liñas establecidas para transformar os concellos da provincia e adaptar a súa administración aos tempos dixitais, a través dos fondos europeos Next Generation.
Con 2,5 millóns de euros realizaranse investimentos en municipios de menos de 20.000 habitantes, destinados a modernizar as Entidades locais do Plan de Recuperación. Carmela Silva sinalou que xa se implementaron recursos como a Administración electrónica e estes investimentos supoñerán un avance máis.
47 dos 51 concellos con menos de 20.000 habitantes na provincia mostraron o seu interese por algún dos proxectos propostos.
A primeira liña céntrase na creación dunha plataforma web e unha aplicación de comunicación coa cidadanía e xestión de incidencias. Segundo explicou a presidenta provincial, isto permitirá que a cidadanía comunique ao goberno local calquera tipo de situación anómala ou peticións e permitirá abrir unha canle bidireccional entre a administración local e os habitantes. O orzamento do proxecto ascende a 170.000 euros e 36 concellos interesáronse por esta opción. Tamén se poñerá en marcha un portal de transparencia para que se cumpra nos municipios coa Lei de Transparencia. O investimento é de 55.000 euros e aplicarase a 22 concellos.
A liña 2 denomínase 'Operacións intelixentes'. Trátase dun sistema automático de xestión de órganos colexiados nos concellos, incluíndo subministración de equipo e software de emisión, gravación e almacenamento das reunións, que permitirá proxectar en directo e baixo demanda os plenos municipais. O orzamento elévase a 600.000 euros para 32 concellos.
A liña 3 dispón de 100.000 euros de orzamento e destinarase a 47 concellos coa intención de dinamizar a provincia en relación cos obxectivos da axenda urbana española e de desenvolvemento sostible da Estratexia 2030.
En canto a infraestruturas dixitais, dotarase aos 47 concellos de preto de 1.000 postos de traballo intelixentes de mobilidade para persoal empregado público. Tamén se dotará ao centro de procesamento de datos (CPD) da Deputación das ferramentas necesarias para desenvolver este proxecto.
A última liña céntrase na interoperabilidade de servizos básicos de administración dixital, un elemento obrigatorio. O orzamento é de 530.000 euros e permitirá acceder á cidadanía de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes persoais, permitindo o aforro de tempo, segundo explicou Carmela Silva.
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou unha prórroga do contrato coa empresa que xestiona o Servizo de Administración Electrónica para entidades locais. Esta decisión permitirá mellorar este ano a prestación que se realiza desde o organismo provincial a 54 municipios da provincia, seis entidades locais menores e catro mancomunidades, cun investimento que se sitúa en 578.000 euros.
A presidenta provincial destacou o traballo realizado durante os últimos anos na administración electrónica, obtendo o recoñecemento do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, que sitúan á Deputación pontevedresa como "líder de todo o Estado e de toda Galicia" respectivamente. Preto de 3.000 persoas técnicas dos organismos locais e máis de 1.300 cargos públicos municipais lograron formarse grazas a este servizo, segundo explicou Carmela Silva.
Relacionadas:
-
O Consello de Contas recoñece á Deputación polo seu liderado no impulso á administración electrónica en Galicia
Por Redacción |
-
O Goberno de España avala a Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Tribunal de Contas aplaude a implantación da administración electrónica realizada pola Deputación provincial
Por Redacción |