Pecha "definitivamente" a panadería Abelleira tras 142 anos cocendo para os pontevedreses
Por Natalia Puga
Este luns 9 de xaneiro a panadería Abelleira non abrirá as súas portas. E non volverá facelo máis, pois, tal e como comunicaron os responsables do negocio á clientela, pecharán "definitivamente".
A panadería serviu este domingo 8 de xaneiro o último pan aos pontevedreses, poñendo fin á vida dunha das panaderías con maior historia de Pontevedra, onde foi fundada en 1880.
Este peche supón, por tanto, acabar con 142 anos cocendo pan e elaborando todo tipo de produtos de panadería artesáns para os pontevedreses. Esta historia tan lonxeva non sería posible sen a confianza dos seus clientes e os seus responsables sábeno, de modo que quixeron publicar un cartel para agradecer o apoio durante máis dun século.
Na porta do seu despacho de venda de pan na rúa Don Gonzalo colgaba este domingo un cartel comunicando o peche que aclara que o "sentido principal" de tal comunicación é "agradecerlles a confianza depositada na nosa empresa ao longo de todos estes anos".
"Para nós foi un enorme pracer gozar desta confianza", explican os responsables dunha panadería que ía xa pola cuarta xeración á fronte.
Esta panadería abría todos os días do ano excepto dous e, no momento do peche, agradecen á cliente que lles "permitisen servirlles o pan cada día", un produto que elaboraban no seu obradoiro da rúa dos Arcos de San Bartolomé e actualmente só servían na rúa Don Gonzalo, aínda que tivo despachos de venda en varios puntos da cidade ao longo da súa historia.
De luns a domingo, en Abelleira podíase comprar pan en todas as modalidades, sendo un dos seus produtos estrela o estilo Viena, pero con variedades de centeo, soia.... Tamén destacaba polas súas empanadas artesás, biscoitos, bicas ou tortas de améndoas.
Os seus últimos propietarios foron os irmáns Benigno e Tomás Abelleira, netos dos fundadores, aínda que xa non estaban no día a día do negocio pola súa avanzada idade xa octoxenarios. Está agora en mans da cuarta xeración.
Benigno Abelleira é, ademais, coñecido en Pontevedra por ser concelleiro na primeira corporación democrática de Pontevedra e por presidir a Peña da Boina.