Sanxenxo, O Grove, Cambados e Caldas de Reis estrean novos bancos e tótems informativos
Por Redacción
A cidadanía de Sanxenxo, O Grove, Cambados e Caldas de Reis xa pode desfrutar das súas novas zonas de descanso verdes, que entregou a deputada provincial Noemí Outeda aos respectivos gobernos.
En total, ao longo dos últimos meses instaláronse novos bancos e tótems informativos en 20 concellos da provincia ao abeiro dos proxectos "Da túa man", dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e "Commerce Inside", dirixido a concellos turísticos.
Os proxectos, que están financiados ao 70% con Fondos Next Generation e ao 30% pola Deputación e os concellos, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade.
Nalgúns concellos instaláronse novas zonas de descanso dotadas con cargadores solares, puntos de recarga para teléfonos e dispositivos dixitais, asentos, iluminación e xardineiras, mentres que noutros tan só contarán con xardineiras.
Outros dispoñen de paneis informativos luminosos de baixo consumo que mostran toda a información precisa sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes na mesma.
Coa instalación destas áreas búscase favorecer os procesos de compra, embelecer a contorna comercial, crear novos puntos de reunión vinculados ao comercio, mellorar a experiencia de compra das persoas consumidoras, garantir a accesibilidade universal para todas as persoas e promover a utilización de enerxías renovables a través de cargadores solares.
Relacionadas:
-
"Da túa man rural" destina medio millón de fondos europeos a transformar o comercio e a hostalería en 11 concellos
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo crea o comité antifraude esixido polos fondos Next Generation
Por Redacción |
-
Instalan zonas de descanso para darlle vida ao comercio local
Por Redacción |
-
Tramitada a contratación de dúas iniciativas provinciais para vencellar turismo e comercio local
Por Redacción |