O goberno local da Illa de Arousa esixe responsabilidades a Portos de Galicia polo afundimento no Paseo do Cantiño
Por Redacción
O Concello da Illa de Arousa enviou un escrito a Portos de Galicia despois de que se derrubase parte do Paseo do Cantiño. Nesta nova misiva esixe responsabilidades ao ente público autonómico sobre os danos nesta infraestrutura "abandonada pola Xunta de Galicia desde hai anos".
Lembran que en decembro xa solicitaran a Portos unha actuación global nesta zona e alertaba dos efectos que provocara a erosión mariña na cimentación. Non obtiveron resposta, indican desde o goberno do alcalde Carlos Iglesias.
Xa neste Nadal comprobaron a aparición dunha fenda. Portos de Galicia instalou unha cinta de precinto para evitar o paso de viandantes horas antes de que se producira o derrubamento, segundo os responsables municipais.
Desde o Concello pregúntanse en que se gastaron os 40.000 euros que o ente dependente da Xunta afirma investir no Paseo do Cantiño xa que nos últimos anos as intervencións nesta infraestrutura "foron inexistentes e inapreciables".
Aseguran que tampouco se realizaron tarefas de limpeza e de reposición dos danos que se acumulan no Paseo e que foron demandadas desde o goberno local. "Se non é unha tomadura de pelo, ben o parece", indican desde o Concello, que se mostra disposto a establecer unha vía do diálogo con Portos co obxectivo de acordar unha actuación global da envergadura que precisa esta infraestrutura.
Anuncian que remitirán novos escritos á institución que precisa Susana Lenguas ata que estableza unha data de reunión para afrontar estes traballos. Lembran que na Illa non están dispostos a afrontar o período turístico de Semana Santa co Paseo neste estado.