Unha nova fronte fría ameaza con chuvias xeneralizadas toda a semana
Por Redacción
Todo apunta a que a semana que comeza hoxe volverá estar pasada por auga. Así o advirten as predicións meteorolóxicas para os próximos días. A chegada dunha nova fronte fría a Galicia provocará choivas xeneralizadas e que, nalgunhas zonas, poden ser moi intensas.
A choiva, segundo os prognósticos de Meteogalicia, virá acompañada de ventos fortes que soprarán do oeste, especialmente no litoral e nas zonas altas.
As temperaturas, pola súa banda, experimentarán un lixeiro ascenso e en Pontevedra oscilarán moi pouco, entre os 11 graos de mínima e os 13 de máxima.
Xa o martes, chegará unha masa de aire fría procedente das latitudes máis setentrionais de Europa que deixará ceos parcialmente nubrados e precipitacións xeneralizadas.
A cota de neve baixará ata os 400 metros, polo que haberá nevadas que, nalgúns casos, serán visibles en zonas de media montaña. As temperaturas tamén baixarán un par de graos.
De cara ao mércores, prevese que Galicia continúe baixo o dominio dunha masa de aire moi fría e as mínimas caerán en Pontevedra ata os 5 graos. As máximas non superarán os 10.
O ceo estará parcialmente cuberto e haberá chuvascos localmente fortes que, ademais, poderían vir acompañado de saraiba.