O Concello de Pontevedra leva conseguidos a metade dos 20 millóns de euros solicitados aos Next Generation
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Concello de Pontevedra leva conseguidos 9.769.348,22 euros, case un 48 % dos fondos europeos Next Generation solicitados nas súas distintas convocatorias.
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, fixo balance este luns en rolda de prensa dos fondos europeos que nestes momentos están a executarse no municipio destacando que esta "nova oportunidade financeira" que supoñen os fondos ainda que tamén comentou a "complexidade burocrática e de tramitación que temos que asumir os concellos con pouca tutela do Ministerio".
Anabel Gulías repasou, en primeiro lugar, o estado dos fondos da chamada Estratexia DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) dos 12,5 millóns que o Concello de Pontevedra tiña concedidos leva executados 9,7 millóns.
Con estes cartos se acometeu a reforma do Pavillón Multiusos da Xunqueira, o acondicionamento do Gorgullón, a construción do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza, o pavillón da ONCE, o edificio social Centro Sur, o Laboratorio da infancia, a administración electrónica, o transporte colectivo a demanda, o parque forestal da Fracha, a reforma do primeiro piso do Mercado de Abastos ou a reforma da Ponte do Burgo, entre outros proxectos.
"Un nivel de execución moi alto", sinalou Anabel Gulías respecto a estes fondos EDUSI dos que aínda están por executar: o núcleo de centralidade de Campañó, cuxo prazo de ofertas termina a finais deste mes, e o mercado de novos creadores na rúa Serra que se licitará nos próximos 15 días, ademais da adxudicación dalgún lote da aplicación informática para actualizar os sistemas de sinalización turística e nas dependencias deportivas.
O Concello de Pontevedra xa traballa para concorrer á nova convocatoria destes fondos EDUSI para financiar proxectos que forman parte do Plan de Movilidad Urbana Sostible ou da Axenda Urbana.
NEXT GENERATION
En canto aos fondos europeos Next Generation adxudicados polo Estado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o Concello de Pontevedra solicitou axudas por un importe próximo aos 20 millóns de euros (19.950.921 euros).
Polo de agora xa conseguiu 2 millóns de euros para o financiamento para o Plan de Sustentabilidade Turística e está en "fase de xustificación" a solicitude de fondos para a Axenda Urbana.
Igualmente, o Concello concorre aos fondos Pirep, de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, que concedeu axudas para a reforma do antigo conservatorio situado na rúa Alfonso XIII (922.817 euros) e o edificio municipal de Churruchaos (776.096 euros). Ambos os proxectos están pendentes de licitación.
Están "pendentes de resolución" para o primeiro semestre deste ano as solicitudes de axuda de fondos Pirep do proxecto de reforma do pavillón dos deportes (2.942.327 euros), a rehabilitación das cubertas e eficiencia enerxética no Teatro Principal (2.052.786 euros) e a reforma do Pazo da Cultura (2.987.482 euros).
Tamén se pediron axudas para a obra da Santiña e a instalación de novos sensores para o control do tráfico e a calidade do aire na cidade (2.767.053 euros).
No referido ás axudas da Fundación Biodiversidade, foron realizadas dúas solicitudes, das que foi aprobada unha e outra foi denegada, sendo o primeiro o proxecto "RedeVerde Pontevedra", de renaturalización, mellora da biodiversidade e incremento da resiliencia urbana, cun importe de 3.760.698 euros.
Ademais o Concello obtivo 800.000 euros de financiamento europeo para axuda á rehabilitación, antes coñecidas como Áreas de Rehabilitación Integral (ARI).
Tamén están solicitados varios proxectos menores de axudas como o de xeración eléctrica fotovoltaica para uso do Pazo de Cultura e no edificio administrativo de Michelena e pedíronse axudas para o despregamento dun centro de operacións de ciberseguridade e unha infraestrutura de robotización de procedementos administrativos ou a renovación parcial electrónica de rede do Concello de Pontevedra así como a mellora do CPD municipal.
Relacionadas:
-
Alumnado da Universidade da Coruña investiga en Pontevedra o uso dos espazos verdes e urbanos por parte da veciñanza
Por Redacción |
-
A reforma do acceso á ponte do Burgo inclúe unha praza e redución de carrís de tráfico
Por Manu Otero |
-
Europa concede máis de 2,7 millóns de euros para a reforma da Santiña e instalación de sensores para mellorar o tráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra, sen fondos europeos para as reformas do Pazo, o Principal e o Municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, terceira provincia de España con máis proxectos de rehabilitación aprobados co Plan Pirep
Por Redacción |
-
Aproban a concesión de fondos europeos para reformar o antigo conservatorio e o edificio municipal de Churruchaos
Por Anxo Lourido |
-
No pleno de setembro aprobarase a axenda que fixará os proxectos de futuro do Concello
Por Oskar Viéitez |