Conservas Pescamar consolida a súa aposta pola innovación investindo na creación de novas empresas tecnolóxicas
Conservas Pescamar anunciou recentemente a súa participación en Unirisco, única empresa de capital risco participada por Universidades e grandes empresas galegas. Este feito fará que vexa reforzada a súa actividade grazas a unha ampliación de capital nesta rolda co apoio, ademais, das Deputacións da Coruña e Lugo nun compromiso pola creación de novas empresas tecnolóxicas. A este novo impulso únese a participación de Conservas Pescamar, desde a súa fundación vinculada á innovación constante dos seus procesos, o que lle permitiu estar hoxe en día presente en máis de 45 países de todo o mundo.
O investimento en tecnoloxía a través da iniciativa de Unirisco, logrou nestes anos investir en máis de 36 novas empresas spin-off, xeradas desde as Universidades en proceso de transferencia da tecnoloxía producida na Investigación e Desenvolvemento dos seus investigadores. Agora grazas á inclusión de Conservas Pescamar nos novos proxectos, garántese a transferencia de coñecemento desde as empresas de alimentación de Galicia.
Este esforzo investidor de Conservas Pescamar, ten como obxectivo impulsar a creación de novas iniciativas emprendedoras en Galicia, facilitar a chegada dos avances científicos ao mercado, e traccionar resultados de investigación que melloren a competitividade de sectores fundamentais como a alimentación, que sirvan para consolidar novos empregos de alta cualificación, así como a presenza de innovadores produtos a nivel internacional.
"Estamos moi orgullosos de participar nunha iniciativa como esta que repercutirá directamente na mellora social, apostando polas novas tecnoloxías e sobre todo establecendo os piares das empresas do futuro de Galicia. Desde Pescamar sempre estivemos vinculados ao desenvolvemento do tecido empresarial e deste xeito continuaremos facéndoo no futuro, levando o bo nome da alimentación galega por todo o Mundo", apunta a Directora Xeral Guadalupe Murillo.