Instan á Xunta a que active a reforma do tramo Fontenla-Combarro na PO-308
Por Redacción
Os grupos municipais do PSdeG-PSOE e Avante Poio promoven unha moción, que será levada ao Pleno ordinario de xaneiro, para esixir á Consellería de Infraestruturas que "axilice e acometa canto antes" as obras de mellora no tramo da PO-308 entre Fontenla e Combarro. Unha actuación que a Xunta de Galicia adxudicou en xuño de 2022 e da que "de momento nada se sabe".
Sinalan que este feito supón "un dobre agravio" para a veciñanza, xa que esta paralización tamén impide a realización por parte do Concello da renovación dos servizos básicos no mesmo tramo, un proxecto impulsado desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, que dirixe Gregorio Agís.
Precisamente, o portavoz e candidato do PSdeG-PSOE de Poio tamén critica o feito de que desde a Consellería de Infraestruturas non se trasladou ningunha información ao Concello sobre esta situación, polo que se solicita ao Goberno autonómico do PP que "informe ao Concello sobre os prazos previstos, de xeito que poidamos acometer a renovación de servizos".
Neste sentido, Agís lembra que este proxecto xa está adxudicado desde xullo e que se prantexou a súa realización "de xeito acompasado ao mesmo tempo que a actuación da Xunta", co obxectivo de "minimizar ao máximo o impacto dos traballos no tráfico".
Tanto o PSOE como Avante Poio coinciden ao definir como "trato de segunda" o xeito de proceder por parte da Xunta de Galicia con Poio. E sinalan o que sucede coa PO-308, "mentres que en Sanxenxo esta estrada xa está practicamente reformada en toda a súa extensión, en Poio avanzamos apenas a unha obra por mandato, a pesar de tratarse dunha reivindicación veciñal histórica", denuncia Gregorio Agís, que tamén lembra que Infraestruturas segue sen asumir a mellora necesaria da seguridade viaria na PO-303 ao seu paso por Sameira, "facendo caso omiso das peticións veciñais e das mocións aprobadas por esta Corporación".
"A única realidade é que máis de medio ano despois de adxudicar a obra entre Fontenla e Combarro é que nada sabemos da mesma, pese a ser unha actuación de primeira necesidade", sinala o candidato e voceiro socialista, que tamén lamenta o "silencio cómplice" do Partido Popular de Poio. "O señor Moldes non dubida en esixir celeridade ao Goberno municipal en canto a tempos de tramitacións que dependen da Administración autonómica, pero neste tema amosa unha pasividade e connivencia flagrante, polo que é cómplice dunha tardanza que en ningún caso está xustificada".
Relacionadas:
-
Ethel Vázquez visita Poio para poñer en valor os investimentos da Xunta na estrada PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Adxudicadas as obras para conservar o paso inferior peonil na PO-308 en Combarro
Por Redacción |
-
As obras de mellora da PO-308 entre Fontenla e Combarro, en marcha o luns 23
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Adxudicadas por algo máis de 1,5 millóns de euros as obras de execución da nova senda e mellora de seguridade na PO-308 entre Fontenla e Combarro
Por Redacción |
-
Gregorio Agís acusa o PP de "poñerse sempre ao lado contrario aos intereses dos veciños"
Por Redacción |