Os cans máis áxiles de Galicia volverán competir en Pontevedra
Por Redacción
Os cans máis áxiles de Galicia volverán medir a súa velocidade e destreza os días 4 e 5 de febreiro na Área Recreativa de Couso (Lérez) en dúas novas probas da Liga Autonómica de Agility, puntuables para o Campionato de España, e no Trofeo Cidade de Pontevedra, ámbolos eventos organizados polo colectivo DivertiCans en colaboración coa Concellería de Benestar Animal.
Neles participarán un centenar de animais e competidores pertencentes a clubs das catro provincias galegas, como Ourencan (de Ourense), Canedupo (de Lugo), Lobos de Naraío e Costa Verdecente (de Ferrol), Cococan (de Coruña), Mascoguau (de Santiago), Wecan (de Nigrán), Thunderdogs (Pazos de Borbén) ou Patas (Moaña).
As probas celebraranse o sábado 4 pola tarde, a partir das 16:00 horas, e o domingo 5 pola mañá, a partir das 9:00 horas. A entrada para desfrutar deste espectáculo será totalmente gratuíta, podendo asistir a competicións de diversas categorías, de infantil e sénior ata iniciación e alta competición, coa presenza confirmada de varios campións de España.
O agility consistente en guiar aos cans para que percorran un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas, no que o animal debe entender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía, que terá que decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión. O concepto de agility para cans naceu en 1977, cando se propuxo a creación dunha actividade de entretemento diferente para o público que acudía a ve-las exposicións caninas en Inglaterra. A idea baseouse nas competicións de hípica.
Dentro do agility existen tres categorías: S ‘Mini’ (pequena), para cans con menos de 35 centímetros de altura á cruz; M ‘Midi’ (mediana), para os que teñen 35 centímetros ou máis e inferiores a 43 centímetros, e L ‘Standard’ (grande), para os de 43 ou máis centímetros. Asemade, divídense en tres graos: Grao I, considerado o nivel básico ou elemental; Grao II, que corresponde a unha dificultade media, e Grao III, que constitúe o máximo escalafón da modalidade de Agility Rsce (Real Sociedade Canina de España).
Relacionadas:
-
Pontevedra acolle a primeira edición da Feira da Mascota
Por Álvaro Arosa Barco |
-
A canceira de Poio xestionou máis de 80 adopcións durante o pasado ano
Por Oskar Viéitez |
-
A competición de agility regresa ao Recinto Feiral esta fin de semana
Por Redacción |
-
A facultade da 'Boa Cidadanía Canina' iniciará en novembro o seu terceiro curso académico
Por Redacción |
-
Dúas competicións de agility contarán en Pontevedra coa elite canina ibérica
Por Redacción |