Caldas incrementou as cifras de reciclaxe de 2022 nos contedores amarelos e azuis
Por Redacción
Nos últimos datos recibidos da recollida selectiva do Concello de Caldas de Reis no ano 2022 constátase un incremento do 2,4% no contedor amarelo, ata chegar ás 177 toneladas, e do 3,7% na recollida de papel e cartón, chegando ata as 167 toneladas.
Isto supón unha media de 18 quilos por habitante de Caldas depositados no contedor amarelo, e de 17 quilos por habitante na recollida selectiva de papel e cartón; ambas as cifras atópanse por encima da media de Galicia que se situaba en 2021 en 14,9 quilos por habitante en cada tipo de contedor.
Os datos foron facilitados este luns pola concelleira de Cultura, María López Buceta, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, no transcurso dunha visita ao posto informativo instalado por Ecoembes no Mercado dos luns da rúa Real para apoiar a campaña "Separar con xeito para reciclar a feito" e animar á cidadanía para colaborar coa reciclaxe e a compostaxe para coidar o medio ambiente.
Esta campaña conxunta de Ecoembes e a Xunta de Galicia sobre a economía circular, en colaboración cos concellos, ten o obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a necesidade de separar correctamente os residuos nos contedores amarelos, para envases de plástico, metálicos e briks, e nos contedores azuis para papel e envases de cartón. Tamén se informou sobre a importancia de sumarse á compostaxe doméstica e comunitaria.
Manuel González destacou "o forte compromiso ambiental do Concello que se vertebra no programa "Caldas Verde" e a alta implicación da cidadanía de Caldas na reciclaxe de residuos" e aproveitou para agradecer "o esforzo do persoal municipal para facilitar esta recollida selectiva de residuos, que no caso do cartón compleméntase cunha recollida diaria porta a porta nos comercios, empresas e institucións que máis cartón xeran".
O Concello mantén ao dispor da cidadanía o Teléfono de Avisos de Medio Ambiente 647 574 316 para aclarar calquera dúbida en materia de reciclaxe e compostaxe de residuos, que funciona tamén a través de whatsapp.
Precisamente, este martes ás 17 horas farase unha nova sesión formativa no edificio do centro comarcal e entregaranse de balde máis composteiros domésticos a todas aquelas persoas que queiran unirse á compostaxe nas súas vivendas, nun proxecto que conta con Fondos Next Generation da Unión Europea, cofinanciado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e a Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
"Sabi@ Caldas", unha semana para celebrar a cultura científica
Por Redacción |
-
A mancomunidade do Morrazo supera o reto de Ecoembes e incrementa a reciclaxe de plásticos
Por Redacción |
-
Cruz Vermella Pontevedra súmase á campaña contra a 'basuraleza' retirando residuos na contorna do río Lérez
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Ecoembes conciencia á cidadanía de Marín da importancia de reciclar pilas
Por Redacción |