Detida unha ladroa que empuxou e tirou unha dependenta que trataba de evitar o roubo dunha cazadora
Por Redacción
O dispositivo especial de vixilancia posto en marcha pola Policía Nacional para garantir a seguridade durante a tempada de rebaixas permitiu nos últimos días deter unha muller que tratou de roubar unha cazadora e acabou lesionando unha dependenta que se puxo no seu camiño.
Todo ocorreu nunha tenda da avenida de Lugo. Unha traballadora sorprendeu a unha muller cando trataba de abandonar a tenda cunha cazadora e tentou interceptala. Nese momento, produciuse un forcexeo entre ambas.
Durante o enfrontamento, a suposta ladroa propinoulle un empuxón á dependenta e tirouna ao chan, causándolle dano nunha man. A continuación, saíu fuxindo nun vehículo.
Segundo a información facilitada pola Comisaría de Pontevedra, ao lugar dirixiuse inmediatamente unha patrulla da Policía Nacional e logrou interceptar o vehículo da sospeitosa nas inmediacións do establecemento comercial.
A muller foi identificada e detida por un roubo con intimidación e trasladada á Comisaría. A continuación, foi posta a disposición xudicial.