A xuízo catro acusados de tallar e vender eucaliptos sen permiso en montes de toda a provincia
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a próxima semana a catro persoas acusadas de realizar tallas ilegais de madeira, fundamentalmente eucalipto, por toda a provincia de Pontevedra. Actuaban sen permiso dos donos dos terreos, levaban a madeira e vendíana.
Segundo consta na acusación que presentou a Fiscalía, actuaron durante anos en propiedades de toda a provincia e deixaron como damnificados a 40 donos de montes e unha mancomunidade de Poio, Barro, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Bueu, Sanxenxo, Meis, Meaño ou Cangas.
O xuízo está previsto para o xoves 2 de febreiro na sección segunda da Audiencia e pode traducirse en penas de ata cinco anos e medio de prisión, substanciosas multas e indemnizacións.
Ademais, un dos acusados, garda civil de profesión, enfróntase á inhabilitación para o seu emprego durante tres anos e todos eles á perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas ou do dereito para gozar dos beneficios ou incentivos fiscais ou da Seguridade Social durante dous anos.
O fiscal sostén que os catro acusados dedicábanse á talla de arboledo para o posterior aproveitamento e venda de madeira e polo menos desde ao ano 2013 supostamente cometeron os delitos de furto, falsidade en documento oficial, pertenza a grupo criminal e infidelidade na custodia de documentos.
O escrito de acusación da Fiscalía sostén que en moitas ocasións, movidos pola intención de obter un beneficio económico, realizaron tallas de árbores, xeralmente eucaliptos, en parcelas cuxos propietarios non lles vendían previamente a madeira ou en parcelas cuxos propietarios se atopaban ausentes ou residindo fóra da zona na que cortaban ou no estranxeiro. Aproveitábanse de que nalgunhas ocasións as propiedades non estaban ben descritas nos rexistros oficiais ou non aparecían nelas os actuais propietarios.
Para dar cobertura legal á súa actividade, constituíron tres sociedades que usaban "como mero instrumento". De feito, os traballadores que teñen empregados adoitan ser sempre os mesmos, aínda que nunhas ocasións aparecen contratados por unha sociedade e noutras ocasións aparecen contratados por outra.
Tamén as tres sociedades compartían a mesma maquinaria e nos carteis publicitarios que utilizaban para dar a coñecer a súa actividade figuraban indistintamente os teléfonos de calquera dos catro acusados ou os de todos . E na documentación contable das tres sociedades asignábanse partidas de gasto e ingreso de forma indiscriminada de tal forma que os datos que a unha delas lle faltaban aparecían reflectidos na contabilidade doutra e viceversa.
En ocasións, solicitaban autorización de talla a nome de persoas que nada tiñan que ver coa propiedade do terreo no que realizaban a talla, obtendo un título ficticio co que amparar os labores de talla #ante os axentes forestais.
A colaboración do axente da Garda Civil permitía obter a información relativa á situación das leiras nas que realizaban as tallas ou a dos seus actuais titulares. Así, segundo o fiscal, tiña coñecemento das claves que utilizaba a súa unidade para acceder á Sede electrónica do Catastro e usábaas para obter datos que non son de acceso libre e que só se facilitan a quen acredite un determinado interese.
Segundo o fiscal, "abusando das funcións que tiña encomendadas" e actuando en prexuízo dos propietarios reais, facilitaba información confidencial aos outros acusados que, desta maneira, coñecían as leiras con aproveitamento forestal, as que non tiñan un dono identificado con certeza no Catastro ou o titular real do mesmo. Con esta información, nuns casos negociaban cos donos a compra da madeira, noutros casos obtiñan permisos de talla sen contar coa autorización dos donos reais e, noutros casos efectuaban tallas en lugares nos que os donos non estaban perfectamente identificados.