Preparada a urna para recoller as misivas do Concurso de Cartas de Amor
Por María José Pita
Achégase o Día de San Valentín e desde a Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa anuncian a convocatoria do IV Concurso de Cartas de Amor.
A urna para recoller as cartas participantes xa está instalada no primeiro andar do Centro Comercial Arousa. O prazo de recepción de misivas remata o 13 de febreiro ás 23:00 horas.
O éxito desta convocatoria demóstrao o feito de que na pasada edición presentáronse preto de 40 cartas a concurso, tal e como informa a PontevedraViva o presidente da Mesa das Verbas, Germán Torres.
"Nós o que queremos é que todo o mundo se lance a escribir, que probe, que é unha boa forma de pasalo tempo con algo moi satisfactorio", indica Torres á vez que anima a perder o medo para presentarse ao concurso, xa que está aberto a todas as idades e todo tipo de autores.
Para superar estes medos, Germán Torres aconsella "partir da experiencia propia ou de experiencias coñecidas, porque todos tivemos non solo amor senón ás veces tamén desamor".
Os textos pódense presentar en prosa ou en verso, por iso é polo que o presidente da Mesa das Verbas recomenda que se escriba a carta "con intención literaria, usando recursos literarios como poden ser unha metáfora ou unha comparación" e a partir de aí darlle "renda solta á súa creatividade e imaxinación".
BASES DO CONCURSO
Os textos das cartas que se presenten teñen que ser orixinais, escritos en prosa ou en verso e en galego ou en castelán.
Deben presentarse sen nome, só con indicación do número de teléfono.
As cartas teñen que introducirse na urna habilitada xunto ás escaleiras mecánicas do primeiro andar do Centro Comercial Arousa (Urbanización A Xunqueira s/n, Vilagarcía de Arousa).
Esta urna estará dispoñible ata as 23:00 horas do día 13 de febreiro.
A entrega de premios será o Día de San Valentín, 14 de febreiro, a partir das 18:00 horas na sala multidisciplinar do segundo andar do Centro Comercial Arousa.
Premiaranse as tres mellores cartas con vales para gastar en calquera establecemento do Centro Comercial Arousa por valor de 100 euros (1º premio), 50 euros (2º premio) e 25 euros (3º premio).