Esta fin de semana celébrase Santa Apolonia
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e os membros da comisión de Festas de Santa Apolonia de Quireza, Alberto Barros Barros, Vanessa Seijas Silva e Julio Porto Mourín, presentaron a programación lúdica do sábado 11 de febreiro e o domingo 12 de febreiro.
A celebración desta festividade realizarase nunha carpa, que conta con calefacción, segundo indica o Concello.
A festividade iniciarase o sábado ás 12:00 horas cunha misa en honra a Santa Apolonia e a esta cerimonia seguiraa unha procesión. Unha vez termine, comezará a sesión de vermú que irá acompañada das interpretacións de varias pezas do folclore local moi coñecidas na parroquia, estas serán representadas polas Pandereteiras do Val de Quirezalas.
Neste mesmo día, ás 23:00 horas da noite, as orquestras Olympus e Disco móbil Chocolate ocuparanse de que a festa dure ata altas horas da madrugada.
Para finalizar, o domingo ás 12:00 do mediodía haberá unha misa en honra a Santa Apolonia Pequena, que dará por finalizada a festividade.
Jorge Cubela felicitou aos membros da comisión de Festas de Santa Apolonia de Quireza por darlle vida á parroquia coa celebración e por seguir mantendo as tradicións festivas.