Trece días de Entroido en Bueu con festa en todas as parroquias da vila
Por Redacción
O Entroido de Bueu volve á plena normalidade tras a pandemia. Haberá trece días de festa, entre os días 18 de febreiro e o 3 de marzo, con actividades para todos os públicos e idades que se estenderán polas tres parroquias do municipio.
"Este será un dos entroidos máis completos dos últimos anos", destacou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo.
Así, Bueu recupera a maioría da programación, que estará moi centrada na vinculación entre a tradición e a modernidade. As comparsas seguirán sendo as grandes protagonistas deste Entroido, polo que se reforzarán as actuacións e festivais.
O público poderá gozar da música e das tradicionais "letrillas" das murgas Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia e As Faltriqueiras o sábado 18 co III Festival de Comparsas de Cela ou o martes 21 coa VII Filloada e o Festival de Comparsas de Meiro.
Ademais, o 24 de febreiro, será o XL Festival de Comparsas do Bueu Atlético Balonmán no Pavillón Pablo Herbello, que terá outro pase na Casa do Pobo de Beluso o 3 de marzo.
Para festexar o corenta aniversario deste festival, este ano ampliarase o aforo para preto dun millar de persoas. Como vén sendo habitual, as persoas interesadas xa poderán facerse dende esta semana coas súas entradas que están á venda en todas as librarías da vila.
Este ano tamén se recuperarán o Enterro da Sardiña, que será o mércores 22 de febreiro ás 17:00 horas con saída dende a Praza Massó e no que poderán participar os colectivos infantís da vila; e o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que encherá de cor as rúas da vila o domingo 26, á mesma hora, cun gran desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río.
A maiores, do 20 ao 22 de febreiro, dende as 11:00 e as 13:00 horas, o artista local Tino Resille coordinará uns obradoiros infantís nos que se elaborará o Paxaro de Mal Agoiro, unha iniciativa que naceu o pasado ano e que fomenta o arraigo da cativada con esta tradición.
Os máis pequenos e pequenas tamén serán protagonistas das festas infantís que se organizarán na carpa da Praza Massó nas tardes do 23 e do 26 de febreiro, nos que se contará con persoal especializado en necesidades especiais.
E para o público máis adulto, a carpa da Praza Massó acollerá dúas festas de disfraces tanto o sábado 18 como o 25 de febreiro pola noite, nos que actuará La Duendeneta; e o domingo 26, o Centro Social do Mar acollerá un baile no Centro Social do Mar co grupo Dúo Latino.