Un incendio no transformador eléctrico do aparcamento de Campolongo causa cortes de luz en toda a cidade
Por Oskar Viéitez & Isaac Cabanelas Figueirido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un incendio declarado ás once da mañá deste luns no transformador eléctrico situado na entrada do aparcadoiro subterráneo de Campolongo provocou cortes na subministración en boa parte da cidade.
Traballadoras de Loxística de Perecedoiros aseguran que se foi a corrente mentres estaban a teletraballar nun edificio próximo ao lugar dos feitos e, nese mesmo momento, comezáronse a escoitar varias explosións. Explicaron que baixaron á rúa para ver que sucedera e, en canto viron o fume que saía da entrada do aparcadoiro, alertaron aos servizos de emerxencias.
O encargado do aparcadoiro confirmou que se comprobou que non existía ningún dano no interior e, de feito, as persoas que tiñan o seu vehículo estacionado puideron acceder ao exterior pola saída sen ningún problema en todo momento.
Veciños da zona aproximáronse ao lugar do incendio porque se quedaron sen luz nas súas vivendas. Entre outros afectados atópanse a delegación territorial da Xunta e a sede da Axencia Tributaria pero tamén outras zonas máis afastadas como a Praza de San José ou a rúa Michelena, entre outras.
A Policía Local indicou que recibiu chamadas desde diversos barrios con multitude de incidencias por este apagamento.
Os bombeiros de Pontevedra acudiron ata o lugar do incendio onde se apreciaba unha columna de fume saíndo polo acceso ao aparcadoiro. A zona estivo acordoada e pechada ao tráfico ata as 12:57 horas, momento no que se conseguiu acabar co fume.
Un equipo técnico de Elecnor aproximouse ao lugar dos feitos para solucionar a avaría e reestablecer a subministración eléctrica.