Falece un home tras envorcar o seu tractor en Vilaboa
Por Redacción
Un home de 52 anos faleceu este sábado tras envorcar o tractor que estaba a conducir nunha leira situada no municipio pontevedrés de Vilaboa.
O accidente produciuse sobre as tres da tarde no lugar de Acuña, segundo informou o 112 Galicia.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos servizos de emerxencia mobilizados, o home circulaba por un camiño cando chocou contra unha tallea, o que desequilibrou ao vehículo e provocou que envorcase no predio.
Foi un particular o que alertou do suceso, advertindo ás autoridades de que a vítima, veciña de Vilaboa e natural de Moaña, se atopaba atrapada debaixo do vehículo agrícola.
Os bombeiros de Pontevedra e do parque comarcal do Morrazo, con base en Bueu, acudiron ao lugar do accidente para excarcerar ao falecido.
O 112 Galicia tamén mobilizou á Garda Civil, que se fixo cargo da investigación do sinistro, así como a efectivos de Protección Civil de Soutomaior.
Ademais, tamén foi informado do suceso o grupo de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias para axudar aos achegados da vítima.