Piratas a babor e estribor na noite máis divertida e bandida
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Benito Soto, o sanguinario pirata da Moureira, coa tripulación do Burla Negra volvía converterse en referencia durante a serán deste martes de Entroido no centro histórico de Pontevedra.
A festa iniciábase ás 17.00 horas cunha sesión pirata infantil na Praza da Ferrería. A música e os disfraces corsarios foron protagonistas da tarde.
Non era máis que un aperitivo para a cita central desta xornada, o desembarco pirata que recrea a invasión en Pontevedra do exército inglés e francés, expulsados da cidade polo pirata da Moureira, Benito Soto.
A principal novidade deste ano, o adianto horario deste desfile polo centro histórico, que pasou a ser ás oito da tarde, permitiu que centos de nenos puidesen gozar deste espectáculo.
Os tres barcos, o Burla Negra de Benito Soto, o Morning Star inglés -que tiña a unha muller como capitá- e o Trois Mers francés, repartíronse por diferentes espazos da zona vella para animar esta Noite Pirata, ata que todos eles atopáronse para recrear a batalla que acabaría por expulsar aos exércitos invasores.
Todo iso acompañado por animación polas rúas, sen que faltase moito redobre de tambores, lume e diversión a cargo da asociación Combrus, Troula e Vamos a Todo. Milleiros de persoas, moitas delas disfrazadas para a ocasión, seguiron as recreacións que se desenvolvían arredor dos barcos polas distintas rúas e prazas.
Xa ás 21.30 horas, o grupo vigués Broken Peach iniciaba o seu concerto máis bandido no escenario da praza da Ferrería ofrecendo as súas características coreografías.
Durante a noite, os pasacalles pirata invadían o centro histórico coa participación de Solfamidas, Os da Caña, Las Flores del Carnaval, Os Miúdos, As Sonecas, Os Paparrulos, Os Canecos e Os 100Tolos facendo eterna unha das noites máis divertidas do ano.