Máis de 100 persoas voluntarias retiran 300 quilos de residuos en Area da Cruz e Raeiros
Por Redacción
Máis de 100 persoas voluntarias, escolares do colexio público As Bizocas, socios dos Espazos +60 Afundación e estudantes da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), participaron este xoves no concello do Grove, nunha nova xornada de retirada de refugallos mariños impulsada pola Obra Social de Abanca no marco de Plancton.
Con 305 quilos de lixos retirados, esta é a segunda acción no que vai de ano tras a que se organizou en Baldaio e Razo (Carballo) a principios deste mes de febreiro. Desde o seu inicio, o programa Plancton permitiu a retirada xa de máis de 27 toneladas de residuos.
Como vén sendo habitual neste tipo de actividades, a maioría de obxectos recollidos nas praias de Area da Cruz e Raeiros foron principalmente plásticos, sobre todo aparellos e outra serie de obxectos extraviados durante a actividade pesqueira, como anacos de cordas, cabos e cabitos de diferentes tamaños e grosores, boias, os xa habituais tarugos empregados para o cultivo dos mexillóns nas bateas, caixas de peixe ou pequenos fragmentos de redes e sedelas enmarañados.
As persoas voluntarias participantes na actividade atoparon así mesmo outra serie de obxectos de uso cotián procedentes de terra firme como envases, botes e botellas, tapóns, restos de bolsas e envoltorios, cabichas ou bastoncillos plásticos de limpar os oídos, entre outros obxectos. Tamén se atoparon botellas de vidro, chisqueiros, calzado, máscaras, aerosois, un chupete ou un coitelo, entre outros elementos diversos que prexudican seriamente á biodiversidade e que poden chegar a ameazar a supervivencia de especies tan emblemáticas dos areais galegos como o chorlitejo patinegro (Charadrius alexandrinus), unha pequena ave que aniña e cría nesta praia.
Dentro do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, Afundación procura a través de Plancton e con este tipo de actividades, poñer en valor a riqueza natural dos diferentes espazos nos que se actúa, como a propia praia de Area da Cruz, próxima ao complexo Ons - O Grove (Rede Natura 2000), incidindo ademais na necesidade de promover a concienciación na sociedade de actuar de maneira responsable para manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras.
Relacionadas:
-
Retiran 1.200 quilos de lixo mariño dos fondos do porto de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Retiran máis de 260 quilos de residuos das praias de Cortegada
Por Redacción |
-
Retiran máis de dúas toneladas de residuos do fondo mariño do Areoso
Por Redacción |
-
Retiran máis de 10 toneladas de pneumáticos e outros refugallos dos fondos da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Toneladas de máscaras, aparellos de pesca, pneumáticos e plásticos retirados da costa grazas ao proxecto Plancton
Por Manu Otero |
-
Ona Carbonell, unha voluntaria máis na limpeza da illa de Cortegada
Por Alejandro Espiño |
-
Retiran máis de 3 toneladas e media de residuos dos fondos da contorna da Illa da Toxa
Por Redacción |