Vaipolorío plantará froiteiras autóctonas nas marxes do río Tomeza-Gafos
O sábado 25 de febreiro ás 10:00 horas levarase a cabo unha actividade de plantación de froiteiras na contorna do río Tomeza-Gafos. O evento estará coordinado pola Asociación Vaipolorío e o punto de encontro será en Ponte da Condesa, Tomeza.
A iniciativa consistirá en plantar froiteiras autóctonas, principalmente maceiras de río, pereiras, pexegueiros e cerdeiras entre outros. Desde a Asociación informan que a actividade se suspenderá en caso de choiva.
Esta plantación será similar ás realizadas noutras ocasións, sendo unha das últimas a que levaron a cabo en marzo do 2022. Naquela actividade optaron por plantar árbores xunto ao río como salgueiros, amieiros e bidueiros.