O goberno local interpreta a apertura dun novo Mercadona como unha mostra do crecemento de Marín
Por Oskar Viéitez
Mercadona iniciará en marzo a construción dun novo supermercado en Marín, na parcela de 3.777 metros cadrados que se sitúa entre as rúas República Arxentina e Cortina Bouza. O edificio contará con 6.469 metros cadrados de superficie e terá dúas plantas.
Desde o Concello, aseguran que esta aposta por parte de desta cadena de supermercados é importante "porque evidencia o atractivo que ten a nosa vila como un lugar no que investir en melloras de negocio".
Sinalan ademáis que, precisamente esa mazá urbana experimentará con esta obra unha remodelación moi chamativa, unida á recente apertura do viario Travesía República Arxentina.
"Estamos conseguindo transformar esta parte tan céntrica da vila", destacan no goberno local, que recorda que tamén é "unha oportunidade para a promoción inmobiliaria", dado que existen parcelas de solo urbano que "agora resultan máis atractivas" coa apertura da nova rúa, a humanización de Inferniño, que xa se fixo no seu día, a cercanía dun aparcadoiro público gratuito e a dotación, cando rematen as obras, dun establecemento de alimentación como é o Mercadona de última xeración.